18-F

Izquierda por Almería non se presentará finalmente ás eleccións galegas

A Xunta Electoral tomba a súa candidatura por non cumprir os requisitos, mais o partido anuncia que presentará un recurso contecioso administrativo.
Juan Andrés Ruiz, líder de Izquierda por Almería, á esquerda da foto. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Andrés Ruiz, líder de Izquierda por Almería, á esquerda da foto. (Foto: Europa Press)

A cita electoral do próximo 18 de febreiro enfrontará finalmente na Galiza un total de 11 formacións políticas, dez delas con listas nas catro circunscricións electorais —máis Democracia Ourensana na súa— cun total de 41 candidaturas, fronte ás 56 que concorreron en 2020. Após analizar a documentación, non foi proclamada en Lugo a peculiar candidatura de Izquierda por Almería.

Así o ratificaron fontes da xunta electoral citadas pola axencia Europa Press, así como o propio presidente da formación, Juan Andrés Ruiz, quen, en declaracións a Europa Press, manifestou a súa intención de presentar un recurso contencioso administrativo contra a decisión. A decisión da Xunta Electoral está vinculada cos requisitos regulados sobre a condición política de galego e o feito de que os integrantes da candidatura en cuestión non forman parte do censo electoral —algo que si sucede cos residentes no exterior—.

Tampouco cumprirían coa segunda vía para poder ser elixidos: estar empadroado nun municipio do país, o requisito da veciñanza administrativa. As outras tres xuntas electorais provinciais —A Coruña, Pontevedra e Ourense— ratificaron que non se anulou ningunha candidatura das que se rexistraron —no caso ourensán precisaron que si se produciron algunhas subsanacións de carácter "técnico"—.

Conforme a estes datos, á espera da súa publicación definitiva nos boletíns oficiais, que será inmediata, de forma común ás catro circunscricións preséntanse na Galiza PP, BNG, PSdeG-PSOE, Sumar Galicia (coalición), Podemos (coalición), Espazo Común Galeguista (coalición), Vox, Pacma, Escanos en Branco e Por un Mundo máis Xusto.

Estas dez listas son as únicas que se presentan nas circunscricións da Coruña e Pontevedra. Ademais, tras a anulación de Izquierda por Almería en Lugo, a principal novidade mantense en Ourense, onde rexistrou candidatura Democracia Ourensana (DO), o partido do alcalde da capital, Gonzalo Pérez Xácome.

Con respecto a catro anos atrás, unha das novidades é a reorganización do Espazo Común Galeguista, que por exemplo agora aglutina a Compromiso por Galicia. Sumar Galicia xorde como herdeira do espazo das mareas —en 2020, Galicia en Común-Anova Mareas—, aínda que Podemos concorre por separado en coalición con Alianza Verde e Recortes Cero, mentres que Democracia Ourensá, que en 2020 non concorreu, si o fai agora.

Ciudadanos e Cidadáns de Galicia desaparecen, do mesmo modo que UPyD —que só se presentara en Pontevedra—. Tampouco se presenta o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza, nin o Partido dos Autónomos e Profesionais ou o Partido Libertario —que só se rexistrara na Coruña—. Non haberá lista en solitario de Equo, de Converxencia 21 —que só se rexistrara en Lugo— nin de Contigo Somos Democracia.

Comentarios