IU xa asume que Podemos desbota a "unidade popular" para ir ás xerais no Estado

A cúpula madrileña de IU está xa instalada no escenario de que non é posíbel o acordo con Podemos. Segundo a análise do núcleo de dirección que lidera Alberto Garzón, Podemos é neste momento un atranco para a unidade ao se encastelar na defensa da súa propia marca. En contraste con isto, EU asina un "pre-acordo" político na Galiza con Podemos e Anova.

Alberto Garzón coa Marea Atlántica (Foto:IU)
photo_camera Alberto Garzón coa Marea Atlántica (Foto:IU)


O 27S saldouse da pior maneira posíbel para os intereses de Alberto Garzón e a súa estratexia de confluencia con Podemos. A cúpula do partido morado entende que os maos resultados de Catalunya si que es Pot se deben en boa parte a que o eleitorado non identificou nesta marca o partido de Pablo Iglesias. "Hai xente que non atopou a papeleta", dixo o 28S Íñigo Errejón.

En España Podemos será Podemos e nada máis. Os experimentos, con gaseosa. Esa era a tese oficial de Iglesias antes do 27S e agora éo moito máis. Non hai marxe para o acordo con Agora en Común, a plataforma impulsada polo sector de Izquierda Unida capitaneado por Alberto Garzón. O dirixente do PCE irá ás primarias deste colectivo cidadá madrileño e mesmo ten desafiado a Pablo Iglesias a que faga o propio. En van, por suposto: Iglesias só fai vida política dentro de Podemos.

Na Galiza a situación é algo distinta, porque quer no noso país quer en Catalunya Podemos ten aberto a billa a se apresentar en coligazón con outros actores políticos, mas sempre pondo a súa marca na papeleta. Aquí cabería a fórmula Podemos-Marea Galega, etc. Isto é o que explica a presenza de Esquerda Unida no acto desta sexta feira en Mazarelos con Anova e a organización que na Galiza lidera Breogán Riobóo.

Após o desastre eleitoral de Catalunya, Podemos fai máis cuestión que nunca da presenza da súa marca nas papeletas

E por que pre-acordo? Sinxelamente porque aínda non hai acordo e non o hai precisamente polo que argumenta IU en Madrid: pola insistencia de Podemos en manter a súa marca, as súas siglas, na papeleta. "Todo pode acabar descarrilando se Pablo Iglesias non move a súa posición", afírmase na contorna de Beiras. O veterano líder aínda confía en que o núcleo de politólogos da Complutense que dirixen a formación morada entendan que a súa visión hexemonista podería pór en risco o que eles chaman unidade popular.

Encontro reservado, encontro filtrado

Este argumento transmitiullo Beiras esta quinta feira a Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, nun encontro reservado que, porén, acabou sendo filtrado á imprensa.

Portavoces de Anova afirman que nas conversas tidas até o de agora con Podemos o asunto da fórmula concreta de concorrencia eleitoral -ou sexa, que marca, que siglas, irán nas papeletas- non se ten debatido aínda [algo que resulta difícil de imaxinar].  Aliás, e segundo soubo Sermos, Anova e Podemos procuran algún formato de enxeñería política que permita salvar este atranco.

Con todo, neste momento a alianza tripartita parece estar en condicións de solidificarse. Os parceiros (os "axentes necesarios", na terminoloxía da convocatoria de Mazarelos), aliás, xa foron eleitos. Ao acto desta sexta feira foron convidados as mareas da Coruña, Santiago e Ferrol e o Encontro Cidadán, non así Iniciativa pola Unión.

Comentarios