IU desmárcase de Podemos e prefire falar de “acordo de investidura” antes que de goberno

IU está hoxe dividida en dous fragmentos. Un, con Alberto Garzón á cabeza, no grupo mixto. Outro, con Yolanda Díaz, a coordenadora de EU, está no grupo confederal de Podemos. A IU oficial ten unha estratexia formalmente distinta da que enarboraron os seus correlixionarios encadrados na disciplina podemita.

Alberto Garzón
photo_camera Alberto Garzón

IU non quer ouvir falar ainda de goberno de coligazón con PSOE e Podemos,  unha proposta lanzada por Pablo Iglesias, e prefire cinxir as conversas á consecución dum “acordo para a investidura”. Así o indicou esta segunda feira Alberto Garzón após se reunir con Pedro Sánchez. O líder de IU dixo enfrontar este proceso desde un “optimismo moderado”.

O segundo aspecto en que discrepan IU e Podemos é na exclusión de Ciudadanos. Os de Pablo Iglesias condicionan calquer eventual negociación co PSOE a que a formación de Pedro Sánchez rache calquer conversa coa formación laranxa. IU, en troca, defende que se fale con todos os grupos políticos, sen vetos nen liñas vermellas.

IU non exclúe do diálogo a Cs, vetados por Pablo Iglesias

Esta segunda feira, o PSOE quixo vestir a súa roupaxe máis esquerdista, cun programa de goberno de 53 páxinas que, entre outras, contén propostas como a posta en andamento dunha renda de inserción social, a derrogación da reforma laboral e o fin das amnistías fiscais.

Garzón non tivo reparo en admitir que ve zonas coincidentes en algúns aspectos do programa co PSOE -entre elas citou a derrogación do artigo 315.3 do código penal que, segundo afirma, penaliza o dereito de greve-, mas ao mesmo tempo evidenciou a fenda que o separa da formación socialdemócrata ao lamentar que a equipa de Pedro Sánchez non partille o proxecto de criar unha banca pública no Estado.

Sánchez mantivo tamén contacto con Compromís, que, esgazado do grupo confederal de Podemos, desenvolve unha estratexia de negociación propia e autónoma.

Comentarios