A toma de posesión de Rueda será o 14 de maio

O presidente do Parlamento galego principiou esta segunda feira a rolda de consultas coas tres formacións representadas na Cámara.
Alfonso Rueda, esta sexta feira, en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, o pasado 22 de abril, proclamando a súa candidatura en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O Parlamento da Galiza vén de convocar para a terza feira 10 de maio e a quinta día 12 o pleno de investidura de Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta en substitución de Alberto Núñez Feixoo, que presentou a súa dimisión na pasada sexta feira.

Así o ratificou o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, quen compareceu ante os medios na mañá desta segunda feira logo de reunirse co xefe da Cámara galega, Miguel Santalices, no marco da rolda de consultas que organiza cos grupos parlamentarios co gallo de definir un candidato á Presidencia do Goberno galego.

Santalices reúnese nestes intres con representantes de BNG e PPdeG para proseguir unha rolda de consultas que fechará o propio Rueda, candidato a substituír Núñez Feixoo, contra as 12.30 horas.

O seguinte paso será a celebración esta quinta feira, 5 de maio, dunha reunión da Mesa do Parlamento e da xunta de portavoces para estabelecer oficialmente o calendario que elevará Alfonso Rueda como novo titular da Xunta.

Deste modo, o debate de investidura arrincará o día 10, nunha xornada na que unicamente intervirá o candidato. A sesión retomarase ás 48 horas, o día 12, coa intervención dos portavoces do tres grupos con representación na Cámara —PPdeG, BNG e PSdeG—. Dous días máis tarde, o sábado 14, será o acto de toma de posesión.

Alberto Núñez Feixoo foi o quinto presidente da Xunta da Galiza desde a aprobación do Estatuto e o primeiro en presentar a súa dimisión. Fíxoo despois de ser proclamado líder do PP estatal en substitución de Pablo Casado.

Anteriormente só Xerardo Fernández Albor non rematou o mandato, xa que unha moción de censura precipitou a súa saída en 1987. Os demais mandatarios galegos marcharon tras perder nas urnas.

Comentarios