O BNG avanza o seu "non" a Rueda: "É un dos responsábeis de deixar unha Galiza peor que a de 2009"

Pola súa parte, o PSdeG non desvela o seu voto malia que é previsíbel que tamén se decante polo "non", mentres o PP valora positivamente o continuísmo de Rueda a respecto das políticas de Alberto Núñez Feixoo.
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, reuniuse esta segunda feira con Ana Pontón (BNG) e o resto de forzas políticas de cara á investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, reuniuse esta segunda feira con Ana Pontón (BNG) e o resto de forzas políticas de cara á investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, confirmou esta segunda feira que os 19 deputados e deputadas do seu grupo votarán "non" no pleno de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, que decorrerá a próxima semana. Así o confirmou a líder da oposición nunha comparecencia ante os medios tras reunirse co presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, na rolda de consultas que celebra cos grupos co obxectivo de nomear un candidato á Presidencia do Goberno galego. Para a portavoz nacional do BNG, as razóns son "obvias".

A primeira, que Rueda foi "o secundario" de Feixoo durante 13 anos "e, por tanto, corresponsábel" de deixar unha Galiza "peor" que a que deixou o Goberno bipartito de BNG e PSdeG —liderado por Emilio Pérez Touriño— en 2009. "Son responsábeis desde o PP de conseguir en trece anos que a Galiza se faga máis cativa e que sexa un país cun enorme potencial pero que está a ir a menos", explicou.

En segundo lugar, xustificou o seu voto en contra porque é "o Partido Popular do 'non'" a "todo o que significan os intereses da Galiza". "Temos menos emprego, menos industria, menos xente nova, menos sanidade pública, menos educación... En definitiva, unha Galiza na que temos menos oportunidades", resumiu.

Aliás, como terceira razón, Pontón asegurou que o PP "mente aos galegos". E fíxoo "sistematicamente", engadiu, "durante trece anos nos que dixo que o primeiro era a Galiza". "Para o PP, o primeiro era sempre o PP, e volvérono demostrar durante esta crise de goberno, onde ademais viamos que pesaban máis as ambicións persoais que porse á fronte dun goberno na Galiza no medio da maior crise de prezos", subliñou a portavoz nacional do Bloque.

Pontón afirmou que o país está agora "nun novo ciclo político" que arrincou "na noite electoral" do 12 de xullo do 2020, cando os comicios situaron o BNG como primeiro grupo na oposición. "Miles de galegos decidiron situar o BNG como alternativa ao PP e empezou a conta atrás para pór en marcha un cambio na Galiza", manifestou a continuación, xa que os nacionalistas aspiran a liderar este proceso "desde a humildade, desde a ilusión e desde a confianza do país nos galegos e galegas".

Luís Álvarez critica que a Galiza volva ficar 15 días "en funcións"

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, lamentou que, malia que o procedemento para a remuda de Alberto Núñez Feijóo será "áxil", a Galiza vaia ficar "outros 15 días en funcións" e os populares supeditan a xestión do país "á situación interna" do PP estatal, cuxas rendas asumiu hai un mes Feixoo. "Parécenos mal", dixo.

Sobre a postura do PSdeG a respecto de quen será o seu sucesor na Xunta e no PPdeG e cal será o sentido do voto socialista na sesión de investidura, Álvarez remitiu á decisión que adopte a Comisión Executiva do PSdeG cando corresponda, aínda que fontes socialistas dan por feito que será un "non".

O portavoz socialista asegurou que, en todo caso, o PSdeG concederá a Rueda "os días de cortesía mínimos" e que escoitarán "atentos" o seu discurso de investidura. Porén, preguntou en que se traducirá o "estilo Rueda", se suporá "un cambio na orientación das súas políticas" ou se continuará a ser "máis do mesmo".

O PP eloxia o continuísmo de Rueda

Noutra orde, o portavoz do PP na Cámara, Pedro Puy, foi o encargado de comunicar a Santalices que Alfonso Rueda é o elixido para optar á Presidencia da Xunta no pleno que decorrerá o 14 de maio. O pontevedrés dará "continuidade" ao mandato programático do PPdeG "ratificado nas urnas", apuntou Puy, mais tamén imprimirá o seu propio "saber facer" e a súa "forma de actuar", engadiu.

Comentarios