Reunión co Grupo Común, BNG e Mixto

Iniciativa Galega pola Memoria pide "consenso" no Parlamento para que a Xunta "execute" as súas demandas

O portavoz da Iniciativa Galega pola Memoria, Matías Rodríguez da Torre, reuniuse esta sexta feira co Grupo Común da Esquerda, o BNG e o Grupo Mixto no Parlamento da Galiza e apelou ao "consenso" entre forzas políticas para que a Xunta "execute" políticas acordes as súas reivindicacións.
Acto de Iniciativa Galega pola Memoria na illa de San Simón (IGM)
photo_camera Acto de Iniciativa Galega pola Memoria na illa de San Simón (IGM)

Así o expresou Matías Rodríguez da Torre en declaracións aos medios de comunicación após manter un encontro no Pazo do Hórreo coas deputadas Ánxeles Cuña (Grupo Común da Esquerda), Xosé Luís Rivas 'Mini' (BNG) e Paula Vázquez Verao (Mixto).

Segundo as palabras do seu impulsor, a Iniciativa Galega pola Memoria agrupa a "medio centenar de colectivos" da Galiza que desde hai máis dunha década busca que "se fagan políticas de memoria, unha condena explícita do franquismo e se loite contra a impunidade que supuxo a lei de Amnistía de 1977".

Neste contexto, Matías Fernández da Torre cargou particularmente contra a Xunta, porque nesta Administración "non se fan esas políticas públicas" de memoria "e mesmo hai lugares simbólicos", como a Illa de San Simón, na ría de Vigo, "nos que se está furtando esa memoria, ese coñecemento da verdade".

Por iso, desde este colectivo exixen que San Simón sexa un lugar "que teña como usos prioritarios o recoñecemento e difusión da homenaxe ás vítimas da represión" franquista para que "se coñeza realmente o que ocorreu alí".

En definitiva, Iniciativa Galega pola Memoria fixo fincapé na necesidade de que "haxa un consenso" en canto a estas políticas entre os grupos da Cámara galega "para que logo o Goberno galego as execute".

Comentarios