Inés Rei presenta as liñas mestras do seu segundo Goberno na Coruña

Divide o Executivo en tres grandes áreas: Economía e Planificación Urbana; Benestar Social, e Fomento e Promoción da cidade.
Inés Rei, o pasado sábado, recollendo o bastón de mando. (Foto: Concello da Coruña)
photo_camera Inés Rei, o pasado sábado, recollendo o bastón de mando. (Foto: Concello da Coruña)

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, presentou esta segunda feira a estrutura do novo Goberno municipal e as súas responsabilidades, con once concelleiros socialistas e baseada en tres grandes áreas: Economía e Planificación Urbana; Benestar Social, e Fomento e Promoción da cidade. Fíxoo nunha rolda de prensa e tras a súa investidura como rexedora o pasado sábado día 17.

"Asumimos o reto de impulsar a segunda modernización da cidade", sinalou Rei, que explicou que a repartición de funcións foi elaborada con base en "tres piares": a "dinamización económica e desenvolvemento urbano e sostíbel", a "protección social" e a "proxección da cidade".

Preguntada polas súas propias competencias, a alcaldesa sinalou que se ocupará da "relación cos barrios, proxectos europeos e axenda urbana", así como da "relación con outras administracións".

A primeira das áreas nas que se divide o novo Goberno coruñés é a de Economía e Planificación Urbana, que estará dirixida por José Manuel Laxe, quen será tamén portavoz municipal e primeiro tenente de alcaldesa, alén de concelleiro de Economía, Facenda e Planificación Urbana.

Deste departamento dependerá Nereida Canosa, concelleira de Innovación Tecnolóxica, Cidade das TIC e AESIA, Mobilidade e Infraestrutura; Francisco Díaz, concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda e Edificación; Noemí Díaz, titular de Medio Ambiente, e Montse Paz, responsábel de Interior, Atención Cidadá, Seguridade Cidadá e Tráfico.

A segunda área é Benestar Social, dirixida por Yoya Neira, segunda tenente de alcaldesa e concelleira de Benestar Social, Igualdade, Mocidade e Participación. Dela dependerá Juan Ignacio Cordeiro como titular de Emprego e Educación.

A terceira sección corresponde á área de Fomento e Promoción da cidade, con Gonzalo Castro á cabeza como terceiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Memoria Histórica e Normalización Lingüística.

Este departamento inclúe a Manolo Vázquez como titular de Deportes; e Diana Cabanas como concelleira de Turismo, Comercio, Mercados, Hostalería e Relacións Institucionais.

Comentarios