Inés Rei, sobre a xestión que o PSdeG fixo do 'caso Tomé': "Onde están os homes feministas?"

A alcaldesa da Coruña critica que a saída de Silvia Fraga sexa a única consecuencia coñecida até o de agora, reclama protexer as vítimas e denuncia os intentos de desvirtuar as acusacións contra José Tomé.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, o 21 de novembro. (Foto: Nós Diario)
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, o 21 de novembro. (Foto: Nós Diario)

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, reclamou esta segunda feira unha resposta "contundente" do PSdeG ante as denuncias por presunto acoso sexual que afectan o entorno do partido e advertiu de que a xestión da crise "non pode deixarnos impasíbeis" se se resolve unicamente coa dimisión de Silvia Fraga. A rexedora fixo estas declaracións en relación co manifesto asinado por sete alcaldesas e máis de 150 militantes socialistas no que se pide unha reacción firme e clara fronte a este tipo de condutas.

Rei cualificou de "tremendo" que a dimisión recaera só en Fraga e puxo en valor o seu traballo "voluntario e desinteresado" dentro da organización. "É de xustiza que as mulleres e os homes do PSdeG asinen este manifesto e o fagan público", sinalou, ao tempo que subliñou que o obxectivo central debe ser "esclarecer os feitos e protexer as vítimas".

A alcaldesa mostrouse especialmente crítica cos intentos de "desvirtuar unhas denuncias por un presunto acoso sexual" que afectan o xa ex presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé. Neste sentido, advertiu contra a difusión dunha suposta "teoría da conspiración que non ten nin pés nin cabeza". "Estamos a falar de mulleres acosadas, de vítimas de acoso sexual, algo transversal a toda a sociedade", afirmou.

Rei lembrou que o PSOE dispón dunha canle interna para comunicar este tipo de situacións, mais insistiu en que estas condutas "non son alleas a outros ámbitos sociais" e que a resposta debe ser clara e inequívoca. "Non cabe o acoso sexual en ningún ámbito", recalcou.

A rexedora coruñesa tamén puxo o foco na falta de toma de postura pública por parte de dirixentes homes do partido. "Boto en falta que os meus compañeiros saian a falar. Onde están os homes feministas? Sempre temos que saír as mulleres a dar explicacións. É un drama", denunciou.

Preguntada pola posibilidade dunha dimisión do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, Inés Rei remitiuse ao comunicado xa feito público polas asinantes do manifesto e precisou que non se trata de sinalar persoas concretas. "Hai que protexer as vítimas. Non sinalo a ninguén", concluíu.

Comentarios