Dimite a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, crítica coa xestión do caso Tomé
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, presentou a súa dimisión na Executiva Nacional dos socialistas galegos decorrida esta sexta feira reprochando á dirección que non se consultara con ela o primeiro comunicado lanzado polo partido tras transcender as denuncias por abuso sexual contra o até o de agora presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, tal e como informaron fontes da dirección do partido na Galiza.
Esta mesma quinta feira reuniuse a Comisión de Igualdade do PSdeG, con Fraga á cabeza e na que tamén participou a secretaria de Organización, Lara Méndez, para abordar a xestión do caso e aprobar un manifesto no que reclamaban máis garantías internas fronte a condutas machistas.
Esta sexta feira, durante a reunión da Executiva Nacional, tras a que compareceu o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, para dar conta da xestión do ocorrido nas últimas 54 horas, Fraga comunicou que dimite como secretaria de Igualdade da formación.
