A crónica

Caso Tomé ou caso Besteiro. Un dilema equívoco

O caso Tomé afecta Besteiro. Unha vez que o secretario xeral do PSdeG sinalou onte nunha comparecencia pública que coñecía desde o pasado mes de outono a existencia de acusacións por acoso sexual contra José Tomé, a presión trasládase ao núcleo da dirección socialista galega. Porén, o fondo do caso Tomé está máis alá das derivadas políticas.

EuropaPress_7161451_ahora_presidente_diputacion_lugo_jose_tome_llegada_comparecencia_sede
José Tomé, tras anunciar a súa renuncia como presidente da Deputación de Lugo, antonte. (Foto: Europa Press)

O caso Tomé entrou onte nunha nova fase. As declaracións do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, onde recoñecía que sabía desde o mes de outono de mulleres que acusaban de acoso sexual ao dimitido presidente da Deputación de Lugo sitúan o caso nunha nova esfera. A partir de agora, o máximo responsábel do PSdeG non pode eludir as súas responsabilidades na xestión dun asunto que tamén afecta á secretaria de Organización, Lara Méndez, e que coloca a dirección socialista nunha situación límite.

A volta de torca xerada polas declaracións de Gómez Besteiro apuntan que o caso Tomé está comezando. As fontes da dirección galega do PSdeG consultadas por Nós Diario avanzan que os vindeiros días novas investigacións xornalísticas achegarán máis información sobre o procedemento que mantén no foco ao dimitido presidente da Deputación de Lugo e aínda alcalde de Monforte de Lemos. Neste sentido, indican que "máis mulleres" poderían estar preparando novas denuncias contra José Tomé, que segue decidido a condicionar o Goberno da Deputación de Lugo, como representante non adscrito.

Os dirixentes do PSdeG consultados por este xornal non se atreven a determinar o alcance real do caso Tomé e as súas consecuencias, mais non teñen dúbida de que resulta "demoledor" para a formación. Neste punto, destacan que "se os casos de acoso teñen uns efectos moi duros nun electorado cun importante peso feminino", "as revelacións de Besteiro trasladan a crise á esfera orgánica". A este respecto, dan por feito mudanzas na estrutura da dirección do PSdeG, "onde Besteiro e Lara  Méndez quedan moi tocados" e advirten dun "terremoto político en Lugo", onde a formación está divida entre os próximos ao dimitido secretario xeral, os seguidores de José Tomé, e o grupo liderado polo deputado provincial Iván Castro.

As evidentes derivadas políticas do caso Tomé non poden agochar que a súa orixe está na denuncia de varias mulleres que acusan o alcalde de Monforte de Lemos de supostas prácticas de acoso sexual. Unhas denuncias que foron formuladas nas canles internas do PSOE e confirmadas aos medios de comunicación por unha parte delas, nun xesto de valentía que algunhas opinións políticas e mediáticas divulgadas na última semana distorsionan ao reducilas a unha sorte de xogo de tronos ou cálculo táctico na lóxica do xogo interno das organizacións partidarias, co obxectivo de debilitar a posición do adversario externo ou interno.

A existencia destas denuncias de acoso que apuntan Tomé ou antes Francisco Salazar sacan á luz que o machismo goza de boa saúde no ámbito da política, ao igual que o bico do anterior presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, a Jeni Hermoso  amplificou a súa presenza no mundo do deporte. Na mesma dirección, son centos os procedementos de acoso sexual que se resolven nos xulgados ligados ao mundo laboral ou da empresa, mais que non saen do anonimato por carecer os seus protagonistas da notoriedade dos anteriormente citados. Precisamente, a relevancia dos denunciados debe servir para que aboie unha realidade, lamentabelmente, aínda moi oculta.    

Síntoma

O caso Tomé é un síntoma desta realidade social. Unha realidade que debe ser encarada e resolta de fronte, partindo de que na actividade política e nas responsabilidades de representación institucional non poden ter cabida prácticas e actitudes coniventes co acoso sexual. Neste sentido, a continuidade de José Tomé como alcalde de Monforte e deputado provincial en Lugo é unha mala noticia para a lexitimidade de ambas as institucións. Pero sobre todo un sinal á sociedade de impunidade fronte a este tipo de prácticas e unha falta de respecto a todas as vítimas da violencia machista.

Comentarios