Entrevista

Inés Rei, alcaldesa da Coruña: "Apoian Rueda e Feixoo a posición do presidente andaluz do PP contra a sede da Aesia na Coruña?"

Ines Rei (A Coruña, 1982), avogada, é a primeira muller que logra a alcaldía da súa cidade en 40 anos de eleccións democráticas. Amósase moi satisfeita do balance do seu goberno en minoría, e desafía Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixóo para que se posicionen sobre as declaracións do seu colega de partido, o presidente andaluz Juan Manuel Moreno Bonilla, que dubida da lexitimidade da elección da cidade galega como sede da Axencia Española de Supervisión á Intelixencia Artificial (Aesia), que Granada reclama revisar.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, entrevistada para Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, entrevistada para Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)

—O seu primeiro cargo político é a alcaldía da Coruña, despois de exercer catro anos. Foi tamén a primeira muller alcaldesa na cidade de María Pita, cal é o seu balance persoal? Xestándose a entrevista, xurdiume a cuestión de que dificultades engadidas ten a conciliación para unha muller, e tamén para un home, que exerce altas responsabilidades políticas?
Entrei pola porta grande… [sorrí] pero foi unha entrada traballada. O balance persoal é satisfactorio, levaba desde os 18 anos como militante de base do PSdeG, nunca tivera cargo de ningún tipo. Decidín presentarme a unhas primarias porque pensaba que se precisaba unha mudanza e a presenza feminina era necesaria, sentín un apoio amplo e cheguei á alcaldía. Sobre a conciliación contestarei cando se lle faga a mesma pregunta aos alcaldes, aos presidentes da Xunta e do goberno, aos ministros,… que nunca deben responder como concilian. O día que se lle pregunte a Pedro Sánchez como leva o cargo con dúas fillas, ou a Afonso Rueda que ten tamén dúas ou a José Luís Ábalos que tiña cinco,… nese momento direi como organizo a miña vida privada. Creo que as mulleres na política debemos reivindicar a igualdade, e iso implica non ter dobre carga.

Dáse por feito que as que soportamos os coidados nas nosas casas somos nós, e estamos xustificando a nosa presenza na política ou en postos directivos, pero aos homes non se lles fai ese cuestionamento, suponse que chegan preparados, con solvencia e cun soporte vital (chámese esposa, nai ou rede,…) que se encarga da conciliación. Nas mulleres enténdese que debemos facer as dúas cousas e, se non chegamos, existe unha sombra de culpa permanente. Os meus compañeiros homes anos atrás non tiñan que responder a estas preguntas, quizais os máis novos si. Creo que é a miña obriga dicir isto.

—Para lograr unha muller a alcaldía da Coruña pasaron 40 anos desde as primeiras eleccións democráticas en 1979.
Houbo que ir rompendo moitos teitos de cristal. A xeración de mulleres que me precedeu e a anterior sufriron isto. No primeiro goberno de Felipe González había só unha muller, e a paridade no consello de ministros só chegou co goberno de Zapatero. Na Coruña pasaron catro décadas para esa primeira alcaldía dunha muller. Déronse pasos importantes pero queda moito por facer e aínda hoxe estou como única muller en moitos actos institucionais.

— E como foi a travesía política de gobernar en minoría e con pactos?
Dou só uns datos. De 207 asuntos levados a pleno neste mandato, 205 foron aprobados, 66 por unanimidade e os demais sen votos en contra. Gobernar en minoría non está rifado co diálogo permanente nos asuntos importantes para a cidade. Xa dixen que ía ser o mandato do diálogo e a amabilidade, que non debe confundirse con falta de firmeza na defensa dos dereitos da Coruña. Fomos quen de reverter a decadencia e de recuperar o orgullo da cidade, e con liderado volver pór A Coruña no mapa.

—Sobre o programa inicial, cales son os fitos e o balance que fai da lexislatura?
Chegamos cun modelo de cidade do que as demais forzas políticas carecen, apostando pola reactivación, por crear un ecosistema que favorecese a economía da cidade, sen esquecer o escudo social, e cunha política urbanística que fixese unha urbe máis sostíbel, amábel e con espazo para a cidadanía. Conseguímolo a pesar da pandemia, cando despregamos 20 millóns de euros en plans para que moitas familias puidesen sobrevivir nese instante tan duro, con apoio ao tecido cultural e ao comercio. E a pesar dunha guerra en Europa.

Lideramos o investimento en obra pública: en 2022 licitamos 7 millóns de euros máis que Vigo, e un 46% máis que en 2021. Queremos ser líderes no municipalismo galego e tamén de España e a consecución da sede da Axencia Española de Supervisión á Intelixencia Artificial (Aesia), da posta en marcha da cidade das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) ou logros que agardaban anos, como a estación de Langosteira, a intermodal, o novo CHUAC, o dragado da ría do Burgo ou a ampliación da avenida de Alfonso Molina.

—O logro da sede da Aesia é cuestionada desde Granada e polo presidente autonómico de Andalucía, que mesmo fala de repetir o proceso.
Foi un procedemento exemplar, que supón descentralizar sedes de organismos e avanzar realmente na necesidade de desenvolver o estado autonómico do que tanto falamos e que se desvirtuaba co centralismo. E serve para fixar poboación, favorece a diversificación dos investimentos das empresas e avanza na necesaria vertebración do conxunto do país. Foi un proceso transparente, competitivo entre as cidades e cunha valoración das candidaturas por unha comisión técnica que puntuou a nosa cidade con amplitude sobre as outras. Todas nos felicitaron. 
A posición minoritaria de Granada, que eu comprendo e pode ser orixinada pola frustración, debe estar limitada no tempo. Pero eles decidiron ir á vía contenciosa co apoio sorprendente do presidente Moreno Bonilla. Gustaríame saber que pensan desa posición os señores Rueda e Feixoo. Apoian que presidentes do seu partido cuestionen a sede da Aesia na Coruña? Quizais ten medo Feixoo de que lle movan a cadeira?

—Que resultado real vai ter esa elección en termos de economía e postos de traballo?
A escolla da Coruña xa esta tendo un poder tractor e de atractivo para numerosas empresas que aplican intelixencia artificial (IA) nos seus procesos produtivos. Desde Inditex, Abanca ou Hijos de Rivera, a pequenas empresas que xa traballan tamén con IA. A maiores, desde que se fixo a elección, están vindo a informarse outras firmas estranxeiras. Trátase tamén de que o talento que xera a Universidade da Coruña se poida desenvolver aquí, onde temos a maior concentración de empresas do sector TIC. Non hai que esquecer ademais que é a primeira axencia deste tipo que se pon en marcha en Europa.

—No tempo asuntos como o derrubamento en 1997 do vertedoiro de Bens, a posterior posta en marcha da pioneira instalación de reciclaxe de Nostián ou os conflitos co servizo de limpeza, agora coa traca final da investigación ao Sindicato de Traballadores da Limpeza, parecen conectarse entre si.
Eu era unha nena de 15 anos cando ocorreu o drama de Bens, lémbroo moi ben, tamén a triste desaparición dunha persoa sepultada. Desde aquela, en Bensaxiña instalouse un gran parque e respondeuse cunha instalación pioneira de reciclaxe que recibiu galardóns internacionais e foi a aposta dun goberno socialista sendo Carmen Marón responsábel da área e Francisco Vázquez alcalde, foi un proxecto que todos os gobernos posteriores apoiaron. Pero é un modelo que se ten que actualizar coas novas normas europeas e estamos facéndoo desde o goberno. Tamén porque é o contrato máis cuantioso de cantos ten o Concello e debemos adaptalo á lexislación europea sobre tratamento dos residuos urbanos, cun sistema de separación de residuos en orixe que debe mudar e implica moito traballo. Queremos facelo da man cos outros concellos do consorcio que son socios de Nostián porque é un contrato que debe durar polo menos 15 anos. En canto ao conflito do STL, o prudente é non facer valoracións e deixar actuar a xustiza e, se hai responsabilidades penais, que se depuren.

—A estación intermodal e o que parece un “privilexio ferroviario” do Porto Exterior contrasta con que Ferrol estea ancorado nos anos 70 do século pasado na mesma materia. Viríalle ben tamén á Coruña esa mellora que Ferrol leva anos demandando.
A Coruña é a capital máis importante da Galiza, principal motor económico, e esas infraestruturas chegan con atraso. Desbloqueáronse con gobernos socialistas en María Pita e na Moncloa e sempre vou estar reclamando as infraestruturas que precisamos. Non debo entrar en comparanzas con Ferrol, e o meu compañeiro Ángel Mato –do que lin a entrevista en Nós Diario–, está facendo un gran traballo e é lóxico que reclame esas melloras en infraestruturas. Eu mesma estiven con el cando o fixo.

É complexo o problema pola orografía pero deben mellorar axiña as súas conexións porque ademais A Coruña e Ferrolterra somos unha grande área urbana, e estamos chamadas a traballar xuntas. O goberno autonómico debería presentar máis atención ás areas urbanas galegas, porque o rural precisa atención, pero a maioría da poboación reside nas cidades e tivemos que suplir desde o municipalismo, con menores competencias, esa ausencia política da Xunta.

—E no referido ao tema central da recuperación da ría e a fin de Ence, hai unha postura unánime?
Dentro do goberno deste período 2019/2023 haina, e agardo que sexa respectada no futuro.

Comentarios