Entrevista

Ángel Mato, alcalde de Ferrol: "Centrei o meu esforzo no emprego e en mellorar a economía de Ferrolterra"

Leva catro anos á fronte da alcaldía, pero o socialista Ángel Mato (Ferrol, 1971) ten experiencia anterior como responsábel de Urbanismo no goberno que encabezara Vicente Irisarri (2007-2011), e do que formou parte Yolanda Díaz até a ruptura da coalición. Mato gobernou en minoría con apoios de Ferrol en Común e BNG na investidura e para sacar adiante uns orzamentos en 2021.
Ángel Mato, alcalde de Ferrol polo PSOE. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Ángel Mato, alcalde de Ferrol polo PSOE. (Foto: Xan Carballa)

—Nestes días producíronse importantes mudanzas no PSdeG-PSOE, cos nomeamentos de José Miñóns como ministro de Sanidade e de López Besteiro como delegado do Goberno español nun regreso pola porta grande á actividade política. Cal é a súa valoración?
Ambos movementos reforzan o proxecto que queremos para Galiza. Calquera proceso a futuro dependerá do acerto co que traballemos, pero de entrada temos unha maior presenza en centros de decisión e iso mellora o papel dos socialistas galegos.

—Cando se contempla a historia da vida municipal ferrolá desde 1979, obsérvase que apenas ningún alcalde foi quen de repetir mandato, un caso único nas cidades.
Só Couce, nunhas circunstancias singulares con moción de censura… Ferrol é unha das cidades con máis personalidade de toda Galiza pola súa pluralidade política, e iso reflíctese nas corporacións municipais. Ten que ver coa nosa xénese como cidade, que se desenvolveu inicialmente partindo da decisión de Carlos III de localizar aquí un arsenal militar, o que a vinculou fortemente á Armada e axiña xurdiron os estaleiros e unha gran masa obreira. Esa estrutura mantívose no tempo, con moitas particularidades, e aínda hoxe é o esqueleto de fondo, con equilibrios difíciles entre organizacións de esquerda e de dereita.

Todo o espectro político consegue representación e iso impón facer acordos, tamén porque o pasado fixo de nós unha cidade crítica. Houbo moitos momentos históricos que determinaron ese carácter, por exemplo coas grandes folgas -cun fondo político profundo- na década final da ditadura. Somos unha cidade reivindicativa e por esas características, nós temos moita máis relación coa política estatal que outras urbes galegas, aínda que tamén con importantes vínculos co galeguismo. O nacionalismo tamén ostentou a alcaldía e mantén representación.

—Dez anos despois de 1972, aqueles estaleiros que eran un orgullo da industria posíbel, foron caendo nun devalo que parece irrecuperábel e leva máis de 40 anos castigando a fondo a economía da cidade.
Hai que ter perspectiva. Os 80 foron anos de reconversión moi difíciles, non diferentes ao que pasou noutras zonas industriais de España. 
Xusto agora creo que as perspectivas son moi diferentes: os estaleiros teñen carga de traballo para unha década, xurdiu unha diversificación industrial vencellada á tecnoloxía eólica mariña, que dá traballo nos estaleiros de Fene, e ten futuro e carga para un horizonte de quince anos. Tamén houbo unha mudanza importante ao sermos sede universitaria e gañamos especializacións relacionadas coa tecnoloxía, alimentadas polo factor de tracción de Navantia. Iso xa se nota e debemos aproveitar estes anos para desenvolver moita máis I+D+i vencellada á industria naval que mantemos, porque agora tamén nos abrimos oco na reparación especializada de barcos complexos.

Debemos aproveitar a nosa posición dentro da comarca, que, logo do peche da mina de carbón das Pontes e da térmica de Endesa, ofrece oportunidades en canto ao almacenamento de hidróxeno, e intentar reverter a perda de traballo na mocidade de Ferrolterra, que busca futuro fóra. Temos a obriga de aproveitar elementos como, por exemplo, o programa das fragatas F110, que teñen requirimentos tecnolóxicos punteiros que deben servir para aproveitamento civil (novas tecnoloxías, comunicacións, ciberseguridade,….) e capitalizalos empresarialmente na Galiza e Ferrolterra.

—Falaba do descenso da poboación, nas décadas da crise naval, da emigración da xente nova. Ese é un desafío singular en Ferrol?
O factor principal é o económico porque é unha aspiración lexítima desenvolver o teu camiño vital e laboral xunto os teus e no teu lugar. Pero este é un fenómeno común a toda Galiza, en Ferrol ademais temos unha permeabilidade de movemento co concello veciño de Narón, pero o envellecemento de poboación e as dificultades para os máis mozos son un primeiro aspecto.

Tamén somos o norte do norte e temos problemas coas comunicacións que non son equiparábeis a outras poboacións da costa galega e estamos fóra do eixo atlántico.

—Íalle preguntar por iso, porque a autoestrada é Ferrol-Tui, pero aí remata case a saída rápida, o ferrocarril padece un atraso profundo.
Levo anos traballando, tamén na miña anterior etapa no Goberno municipal, para definir ese proxecto de conexión ferroviaria que hai que abordar o máis axiña posíbel.

As dificultades son moitas, pero hai que plasmar solucións nos orzamentos públicos que, sendo escasos, son a única aposta de futuro. Pedinlle ao Goberno español que o trazado que se faga ten que ser cun tempo de conexión coa Coruña de 35/30 minutos, e co resto de Galiza como se fai nos outros tramos do eixo atlántico. Ademais debe ser un trazado que permita transporte de xente e mercadorías, para poder conectar co futuro corredor atlántico que debe chegar ao porto de Ferrol-San Cibrao, que é de interese xeral.

—E está despois a saída polo Cantábrico, que en tren practicamente deixou de existir.
Levamos moitos anos agardando que a Xunta desenvolva unha vía de alta capacidade pola costa, e é case a infraestrutura máis lenta que nunca se fixo. Débese lembrar que é consecuencia de que a Transcantábrica se debuxou no seu día pasando por Vilalba e desatendendo un trazado que dese servizo ás poboacións do norte da Galiza.

—Considera que é un problema de peso político a reflectir nos orzamentos?
Hai dificultades porque sempre primou unha óptica mercantil. Aquí a poboación está máis dispersa que noutras zonas da Galiza, pero a verdade é que en Ferrolterra concéntranse máis de 160.000 persoas que teñen dereito a servizos públicos básicos. O hospital de referencia en materia oncolóxica está na Coruña, como a Universidade ou a administración de xustiza. E son servizos públicos que debían estar próximos. E se os ferroláns temos dificultades, que pensar de quen vive en Ortigueira, por exemplo? Esa discriminación de acceso a servizos públicos é intolerábel.

—O Porto Exterior da Coruña gozou dun orzamento descomunal. Tendo operativa unha infraestrutura rematada en Ferrol, aínda parece máis excesivo, e aquí faltáronlle complementos como o ferrocarril.
O noso é un porto que comercialmente funciona ben, e a súa carencia principal é a intermodalidade, vencellada a ese problema de tren e estrada que falabamos. Pero ábrense oportunidades grandes porque vai desenvolverse axiña unha fábrica de compoñentes para a eólica mariña e está a previsión da planta de metanol de Maersk. Temos que aproveitar as vantaxes de batimetría e xornadas operativas por ano que son mellores que as doutros portos do noso entorno.

—O muro do Arsenal Militar afasta en parte a cidade de Ferrol do mar. Cando ou como se pode superar esa eiva?
Déronse pasos para facelo máis permeábel e pronto poderemos facer un aparcadoiro público preto da entrada de Navantia, unha cesión na que estamos a traballar agora. No resto da contorna do Arsenal Militar, seguiremos a negociar co Ministerio de Defensa onde está o muro, que ten valor histórico patrimonial. Temos un proxecto que é delicado, porque aspiramos a ser cidade Patrimonio da Humanidade e o Arsenal Militar é un elemento singular da cidade. No século XXI, debería ser posíbel que nalgúns puntos, como xa estudaron en 2010 Alfredo Vigo Trasancos e Iago Seara, se poida facer máis porosa a cidade co mar.

—No Executivo encabezado por Vicente Irisarri, compartiu Goberno municipal con Yolanda Díaz. Que lle aportou esa experiencia? E a actual de gobernar en minoría?
Temos a obriga de acordar con todos. Se estou aquí é porque as forzas políticas de esquerda mo permitiron. Estes catro anos, Ferrol en Común e o BNG facilitaron aprobar un orzamento moi ambicioso co que desenvolvemos moito máis investimento que o feito polo PP coa súa maioría absoluta.
O reto é lograr estabilidade na cidade, porque iso evita que Ferrol se perciba cunha traxectoria de dentes de serra. Debemos buscar unha estratexia a medio e longo prazo e que a cidade mellore con continuidade para recuperar o tempo perdido.

—E iso vai poder ser despois das eleccións muncipais do 28 de maio?
Son alcalde e non adiviño [sorrí] e a miña obriga é traballar até o último día. Cando un está en política ten que acatar o mandato do electorado e o que decida estará ben decidido. Tocoume gobernar este cuadrienio e ninguén lembra as dificultades, pandemia á parte. 
Superamos moitos problemas de emprego, houbo dinamización económica, mellorou o atractivo turístico, mesmo puidemos explicar que modelo de cidade perseguíamos.

Algunha das dúbidas despexáronse e a miña principal tarefa foi dirixida ao emprego como base imprescindíbel para mellorar o futuro de Ferrol, que tamén é o futuro de toda a comarca.

Comentarios