Avalada por 42 mil sinaturas

A ILP polo bosque autóctono bate co non do PP e a abstención do PSdeG

ADEGA ILP VIRXINIA
photo_camera Imaxe: Parlamento de Galiza

Entre outros obxectivos, esta ILP procuraba unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto, así como fornecer propostas para unha nova xestión do medio rural no seu conxunto.

A iniciativa lexislativa popular (ILP) rexistrada en xuño no Parlamento galego para “a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais’ non continuará coa súa tramitación ao ser rexeitada a súa toma en consideración: PP votou en contra e PSdeG abstívose; votaron a favor da iniciativa únicamente En Marea e BNG.

A presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Virxinia Rodríguez, explicou na Cámara que a ILP contaba co apoio de 42.000 persoas. "É a iniciativa ambientalista máis apoiada na historia do noso autogoberno; só iso xa é un éxito”, dixo. A comisión promotora da ILP está formada por Alianza por un Rural Galego Vivo (CIG, Adega, Organización Galega de Mancomunidades de Montes e Fruga) e Cousa de Raíces (conformada por máis de 60 colectivos).

Coas máximas de defender o bosque galego, frear a expansión do eucalipto, favorecer un monte diverso e multifuncional e loitar contra os incendios forestais, esta ILP chegou ao Parlamento para reclamar ao Partido Popular e ás forzas da oposición “que devolvan a dignidade ao rural, e procuren un futuro sustentábel para os montes e os bosques de Galiza. Agardemos que por terceira vez, non lle volvan a dar as costas”, segundo os promotores.

Entre outros obxectivos,  con esta ILP pretendíase conseguir que, ao igual que xa fixo Portugal, se decrete unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto. Ademais demandábase a eliminación desta especie nos espazos protexidos, Rede Natura e das terras de alto valor ecolóxico.

Con todo, a ILP vai máis alá do Plan Forestal, que atinxe só a xestión dos montes, porque pretende unha nova ordenación do medio rural no seu conxunto. Entre outras, a iniciativa propuña a protección da biodiversidade de hábitats e especies; ben como tamén a adopción de "medidas valentes" para garantir a multifuncionalidade de usos; o fomento do arborado autóctono e mesmo a elaboración dun catálogo de frondosas, pendente desde 1992, porque, sen isto, non se pode planificar, argumentan as entidades promotoras.

Comentarios