Emotiva homenaxe en Porto do Son á deputada Ánxela Franco, falecida hai tres anos

Era deputada na Deputación da Coruña e concelleira en Porto do Son polo BNG.
As persoas asistentes deixaron flores en lembranza de Ánxela Franco. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As persoas asistentes deixaron flores en lembranza de Ánxela Franco. (Foto: Nós Diario)

Unha multitude de persoas procedentes das comarcas de Muros e Noia e mais do Barbanza reuníronse na mañá deste sábado en Porto do Son para render homenaxe á deputada na Coruña Ánxela Franco, finada hai hoxe tres anos.

O acto decorreu na praza situada a carón da Casa do Concello e contou coa intervención de varios compañeiros e compañeiras dela no BNG, formación na que militaba e que a lembrou nesta xornada.

Así, dedicáronlle unhas palabras o actual portavoz municipal e candidato polo Bloque ás eleccións de 2023, Balbino Montemuiño; a responsábel comarcal, Sol Agra, e a deputada no Parlamento galego Rosana Pérez.

Desde o BNG puxeron en valor o seu "valioso legado político"

A esta importante homenaxe asistiron numerosas personalidades do eido cultural e asociativo da comarca, así como familia e amizades da homenaxeada.

O emotivo acto comezou con música de violín, a cargo de Adolfo Carreira Pol, e rematou cunha ofrenda de cravos vermellos ao pé dunha gran foto de Ánxela, mentres soaba o himno galego.

Desde o BNG subliñaron o seu "gran respecto e admiración" polo "valioso legado político" de Ánxela Franco.

A deputada faleceu en 2019, cando ostentaba, alén deste cargo na Deputación da Coruña, onde tamén era responsábel da área de Benestar Social e Igualdade, era concelleira en Porto do Son, de onde era natural.

Comentarios