Xavier Alcalá, candidato de Compromiso

"Hai que facer empresa, non se pode estar con lamentos de xente que nunca saíu do mundo funcionarial"

"Hai que recuperar a esencia do galeguismo", afirma o escritor que dá por vez primeira o paso de integrar a candidatura dun partido político.

Xavier Alcalá
photo_camera Xavier Alcalá

Xavier Alcalá, autor do clásico A nosa cinza, fechará a candidatura de Compromiso por A Coruña, informou esta segunda feira a formación galeguista a meio dun comunicado de imprensa.

Alcalá -de acordo coas declaracións recollidas no comunicado- afirma que “o país está falto de galeguismo transversal” e nese sentido enfatiza que a candidatura que lidera Xoán Carlos Bascuas é a ferramenta precisa "para recuperar a esencia dun galeguismo, no que colla moita xente que pon por riba de todo a conciencia de nación e de actuación en todos os ámbitos”.

A xuízo do escritor, Galiza está especialmente necesitada do que dá en cualificar como "galeguismo activo empresarial no sentido amplo da palabra" e a ese respeito expresa a súa confianza nas potencialidades do país: "Hai que inventar, producir, facer empresa, abrirse ao mundo e non se pode estar eternamente con olladas e lamentos de xente que nunca saíu do mundo funcionarial”.

Comentarios