8,6 millóns de euros: o custo de que Compostela sexa a capital da Galiza

A Xunta achega "algo menos" de 2,4 milóns de euros para compensar os gastos que lle supón a Compostela ser a capital galega
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O Concello de Compostela recibiu o estudo sobre a actualización e o cálculo do custo da capitalidade, que estima en 8,6 millóns de euros este importe, mentres nestes momentos recibe algo menos de 2,4 millóns da Xunta da Galiza para compensar os gastos que lle supón ser a capital galega.

En rolda de prensa, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, sinalou que o Goberno local enviaría onte o informe ao Executivo galego para o seu coñecemento e poder tratar este tema o próximo 2 de outubro na xuntanza que manterá co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

A rexedora explicou que existía un estudo anterior que cifraba este custo en 5,5 millóns, pero esta actualización sinala que o total alcanzaría os 8.634.310 euros. Segundo detallou Sanmartín, nesta estimación téñense en conta os custos de oportunidade do solo, que se calculan en máis de 284.000 euros; a carga de conxestións derivadas da intensidade do uso de infraestruturas viarias polo tránsito, 713.000 euros; a seguridade vinculada á capitalidade, 5,7 millóns; gastos derivados do uso e potenciación do idioma galego, 227.000 euros; e patrimonio, representación e turismo, 1,6 millóns de euros.

Outra das cuestións que especificou a alcaldesa que recolle este documento son os "200.000 vehículos que entran todos os días en Compostela". De todas estas cuestións, aseverou, resultan os 8,6 millóns.

Paulatinamente

Así, o Concello de Compostela entende que esta cantidade "ten que axustarse desde xa". Con todo, Goretti Sanmartín recoñeceu que non porá enriba da mesa que se pase "directamente" dos 2,4 aos 8,6 millóns, pero si que "se vaia paulatinamente incrementando esta cantidade e corrixindo o desaxuste desta compensación económica". 

Ademais, a alcaldesa precisou que a cantidade que recibe nestes momentos Compostela como capital da Galiza é "a máis baixa das que reciben outras capitais do Estado español por este concepto". En concreto, afirmou que Iruña recibe seis millóns; Palma de Mallorca, 31; Vitoria-Gasteiz, 10; Logroño, 13; ou Zaragoza, oito. Por iso, insistiu en que o custo da capital en Compostela "hai que actualizalo xa". 

"O estudo enviarémolo á Xunta hoxe [segunda feira] para que poidan ter coñecemento del e preparar ben a xuntanza do próximo día 2, que entre outros temas, entendemos que debe comprometerse a Xunta nun incremento do custo da capitalidade" de Compostela, concluíu Goretti Sanmartín.

Comentarios