Leiceaga e Villoslada, segundo e terceiro

Gonzalo Caballero, en cabeza após a recolla dos avais

O primeiro test das primarias do PSdeG, a recolla dos avais, ten un vencedor momentáneo, á espera de que as asinaturas sexan verificadas pola organización. Gonzalo Caballero conseguiu o apoio de por volta de 2.600 militantes, o que o coloca por diante de Xoaquín Fernández Leiceaga (arredor de 2.300) e Juan Díaz Villoslada (sobre 2.200).

Gonzalo Caballero
photo_camera Gonzalo Caballero

Economista. Sobriño e inimigo íntimo do alcalde de Vigo. Tertuliano no seu momento de Voz Televisión. E neste momento máximo favorito a gañar as primarias do PSdeG, após superar en cabeza a primeira peneira do torneo de precandidatos (xa candidatos ao superar o mínimo de asinaturas exixido). Gonzalo Caballero rexistou esta cuarta feira na sede do PSdeG arredor de 2.600 avais. Con 300 menos chegou a esta meta parcial da carreira Xoaquín Fernández Leiceaga, en tanto que Juan Díaz Villoslada ficou en terceira praza con por volta de 2.200.

Xoaquín Fernández LeiceagaÉ certo que nas primarias do PSOE Pedro Sánchez obtivo menos avais do que Susana Díaz e, en troca, despois gañou a votación interna con bastante comodida, mais a situación non é extrapolábel a Galiza. En teoría, o candidato que dispón do apoio do aparato galego -se por aparato galego entendemos a xestora que lidera Pilar Cancela- sería Juan Díaz Villoslada. O ex xerente da UDC e recente parlamentar galego -estreouse no Pazo do Hórreo nesta lexislatura- parte agora con clara desavantaxe, primeiro porque non ten a potencia mediática de Sánchez e segundo porque non cabe desbotar un acordo de unificación de candidaturas entre Leiceaga e Caballero.

VillosladaEn todo caso, o apertado do resultado entre Caballero e Leiceaga é un factor que podería levar a que a converxencia entre estas dúas candidaturas finalmente non se produza -os dous poderían aspirar lexitimamente a liderala-, o que abriría certas opcións a un Villoslada que a día de hoxe continúa a ter como hándicap un grao de coñecimento menor do que os seus rivais no seo da militancia do partido.

Comentarios