martes 22/06/21

Gómez-Reino denuncia ante a Policía ameazas contra el e outros membros de Podemos na Coruña

Unha conta mandou en redes unha mensaxe co texto 'vixiade as vosas costas' con imaxes dun fusil con cargadores de proxectís
ameazas

O deputado de Unidas Podemos no Congreso Antón Gómez-Reino interpuxo unha denuncia ante a Policía por un suposto delito de odio e ameazas vertidas en redes contra el e outros membros da formación morada na Coruña.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, o parlamentario e representante de Galiza en Común explicou que, ante recentes casos similares de ameazas, acudiu á Policía dado que "non é o momento de deixar ningún tipo de espazo" aos que "queren erosionar as liberdades, os dereitos e a democracia".

"Non é o momento de mirar cara a outro lado", proseguiu Gómez-Reino para recalcar que, na súa tarefa de cargos públicos, é "visibilizar" este tipo de cuestións para atallar "esta intolerábel escalada de acoso e matonismo" que acomete "a extrema dereita" no Estado español.

Por tanto, espera "contundencia" á hora de investigar estas ameazas e exhortou a "acabar co clima de tensión que xerou a extrema dereita neste país desde que chegou á ao ámbito institucional".

"Hai que combater con firmeza, con calma pero con firmeza democrática esta ameaza", insistiu o deputado para deixar claro que "non van amedrentar" Unidas Podemos nin van deixar de facer política.

Segundo consta na denuncia rexistrada no Congreso dos Deputados, á que tivo acceso Europa Press, os feitos circunscríbense na rede social Twitter após a publicación por parte da agrupación coruñesa de Podemos  dunha serie de fotografías que reflectía a varios membros do partido na manifestación do 1 de maio.

Por mor diso, recibiron resposta dunha conta na devandita rede coa mensaxe 'Vixiade as vosas costas, pode haber unha pequena sorpresa dentro de pouco', texto ao que acompañaba unha bandeira española cubrindo unha mesa en primeiro plano, un fusil de asalto Cetme modelo C e calibre 7,62, arma que se adoitaba utilizar polas Forzas Armadas a inicios da década dos 90.

Tamén se apreciaban tres cargadores de 30 proxectís e un cargador de cinco cartuchos para o propio fusil, á parte de tres caixas de munición da propia arma e outros 20 cartuchos sen percutil do citado calibre. Tamén aparecía un machete ou unha baioneta, acoplable á arma e un cinto regulamentario de determinadas unidades do Exército español.

comentarios