DEPUTAD@S DUN MESMO PARTIDO NON PODEN ESTAR EN DOUS GRUPOS DISTINTOS

Gómez-Reino admite que o grupo parlamentar de Podemos-Marea dependería da Mesa do Congreso

O debate sobre a candidatura de unidade está ligado á hipótese da formación dun grupo parlamentar galego. Bescansa negou tal posibilidade, mas esta terza feira Antón Gómez-Reino quixo abrille a porta a ese cenario. Aliás, admite que dependería do "equilibrio" de forzas "no Congreso".

Antón Gómez-Reino, Tone, Podemos Galiza
photo_camera Antón Gómez-Reino, Tone


Podería unha eventual coligazón Marea Galega-Podemos (ou Podemos-Marea Galega) constituír un grupo parlamentar propio e distinto daquel que dirixiría Pablo Iglesias? Esa cuestión é central en todo o debate sobre a candidatura de unidade galega ao Congreso. O pasado domingo, nunha entrevista en Faro de Vigo, a dirixente estatal Carolina Bescansa -do núcleo fundador do partido- alegou razóns xurídicas para negar tal hipótese. Mas a discusión non ficou cancelada aí, nomeadamente após a Declaración de Conxo estabelecer entre os seus obxectivos a constitución dun grupo parlamentar soberano e alleo a calquer dependencia estatal.

A presión política arredor deste asunto está a facer mella nos dirixentes de Podemos Galiza e esta terza feira Antón Gómez-Reino, seguramente o cadro da organización máis próximo a Pablo Iglesias e virtualmente cabeza de lista por A Coruña para o Congreso, quixo abrir o portelo a un hipotético grupo parlamentar galego.

En declaracións a Radio Coruña-SER, dixo: "Vamos pór todos os mecanismos posíbeis para que este grupo parlamentar galego se dea", mais ao tempo admitiu que a hipótese estaría moi condicionada aos propios resultados eleitorais: "Pomos acima da mesa unha cuestión que é importante: que ao final este tipo de cuestións dependen do equilibrio que haxa na Congreso e maís concretamente na Mesa".

Con efeito, unha vez que se rexistan os grupos parlamentares, estes teñen que ser validados pola Mesa, o órgao de goberno da cámara entre cuxas faculdades están a de determinar, en ocasións ouvidos os servizos xurídicos, se os grupos constituídos reúnen os requisitos regulamentarios precisos para a súa conformación.

E que di o regulamento do Congreso? É bastante taxativo e, de acordo coas fontes xurídicas consultadas por Sermos, deixaría fóra da legalidade un grupo parlamentar xurdido dunha candidatura Marea Galega-Podemos

E que di o regulamento do Congreso ao respeito? É bastante taxativo e, de acordo coas fontes xurídicas consultadas por Sermos Galiza, deixaría fóra da legalidade un grupo parlamentar xurdido dunha eventual candidatura Marea Galega-Podemos. Así, no ponto 2 do artigo 23, o regulamento afirma que "en ningún caso poden constituír grupo parlamentar separado deputados que pertenzan a un mesmo partido". Isto significa que, se por exemplo, Gómez Reino fose eleito deputado non podería ser membro dun grupo distinto ao constituído polo seu propio partido. Ou sexa, non podería haber na mesma Cámara un grupo parlamentar de Podemos e outro de Marea-Podemos.

Daí que Gómez Reino -consciente das dificuldades xurídicas que entrañaría a formación do grupo- apele á correlación de forzas que se produza no Congreso, alentando a hipótese de que unha Mesa do Parlamento "sensíbel" ás posicións políticas de Podemos puidese finalmente dar luz verde a ese grupo galego.

"Esa hipótese [a de a Mesa facer a vista gorda] é altamente improbábel, como por outra parte admite implicitamente a propia Carolina Bescansa cando di que non é posíbel un grupo parlamentar. O regulamento é moi claro: non abre marxe a moitas interpretacións. Non pode haber deputados de Podemos en dous grupos parlamentares distintos", afirman as fontes xurídicas consultadas por Sermos Galiza.

Gómez Reino defende que o "espazo galego de confluencia" se acabe federando con Podemos

Gómez-Reino defendeu na mesma entrevista que o que cualificou como "espazo galego de confluencia", en alusión a unha hipotética plataforma cidadá galega, se acabe federando con Podemos, por entender que a formación de Iglesias é "a ferramenta fundamental de cambio a nível de Estado".

A única forma en que o grupo parlamentar galego se podería constituír como tal é que se apresentase ás eleccións xerais con personalidade xurídica propia e sen ningún tipo de vinculación con forzas políticas de ámbito estatal.

Esa sería a primeira condición. A segunda sería a de obter no mínimo 5 actas de deputadas/os. A terceira, a de superar a barreira do 15% dos votos en cada unha das catro circunscricións galegas.

Comentarios