Gómez Besteiro será nomeado novo delegado do Goberno español na Galiza

O ex presidente da Deputación de Lugo ocupará a Delegación do Goberno en substitución de José Miñóns, que deixa o cargo para asumir o Ministerio de Sanidade.
José Ramón Gómez Besteiro, o día que anunciou a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG, o 18 de marzo de 2016. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, o día que anunciou a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG, o 18 de marzo de 2016. (Foto: Europa Press)

O que foi secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016 José Ramón Gómez Besteiro será nomeado esta terza feira polo Consello de Ministras e Ministros como novo delegado do Goberno español na Galiza.

Así o confirmaron fontes socialistas que detallan que o ex presidente da Deputación de Lugo ocupará a Delegación do Goberno en substitución de José Miñóns, que deixa o cargo para asumir o Ministerio de Sanidade.

José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) volve así á primeira liña política co seu nomeamento como delegado do Goberno estatal na Galiza tras permanecer sete anos apartado do foco mediático.

Investigado

Secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016 decidiu dar un paso ao lado e dimitir como líder do partido no país tras ser investigado pola xuíza Pilar de Lara en relación a varios delitos, todos eles arquivados.

Desde a súa saída da Secretaría Xeral do PSdeG, Besteiro permaneceu apartado do foco mediático e só se deixou ver en público en contadas ocasións, como no último congreso do PSdeG, no cal o actual secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, persoa á que é moi próxima, asumiu as rendas do partido.

Comentarios