Será Gómez Besteiro o candidato do PSdeG á Xunta?

Ás loanzas de Xosé López Orozco súmase o deputado socialista Javier Cerqueiro, quen augura que Besteiro ten "todo o futuro por diante". Tamén José Manuel Lage Tuñas, malia que con menor concreción, instouno a voltar "á primeira liña política".
José Ramón Gómez Besteiro, o día que anunciou a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG, o 18 de marzo de 2016. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, o día que anunciou a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG, o 18 de marzo de 2016. (Foto: Europa Press)

O arquivamento provisional da 'Operación Pulpo', a última causa xudicial que tiña pendente José Ramón Gómez Besteiro, está a desencadear todo tipo de reaccións no seo do PSdeG. Rostros visíbeis do partido como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación, José Tomé, ou o actual secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, parabenizaron xa o ex líder da formación por unha resolución que consideran "de xustiza". Besteiro, dixo Formoso, estará "onde queira estar" porque é un "activo imprescindíbel".

Máis aló foi o antigo rexedor da cidade da Muralla, Xosé López Orozco, quen afirmou a pasada semana que Gómez Besteiro, após dimitir como máximo responsábel do PSdeG en 2016 tras caer sobre el até dez imputacións, "ten futuro" aínda na política galega. Orozco, que foi o 'padriño político' de Besteiro, non dubidou en certificar que este proceso e outros lles custou a ambos os dous as súas respectivas "carreiras políticas".

E esta segunda feira fixo o propio Javier Cerqueiro, deputado socialista no Congreso por Lugo, quen reiterou que o antigo dirixente do partido e da Deputación ten "todo o futuro do mundo" por diante após o arquivamento desta causa.

Cerqueiro, que foi xefe de gabinete de Besteiro cando presidía a Deputación de Lugo, subliñou que "aínda é novo". Tanto é así que deslizou que "ten a idade de Orozco —ex alcalde lugués— cando comezou na Alcaldía". "Ten futuro, pero depende del, do que queira el", matizou.

Na mesma liña, o deputado lembrou que "hai que deixar claro que foron uns anos moi duros para el" polas diversas imputacións nas que se viu envolto. "Pasou unha auténtico via crucis e hai que deixalo decidir a el, o que queira e como queira. É un activo político que pode modificar moitas cousas na Galiza", prognosticou.

A respecto da posibilidade de que Gómez Besteiro encabece a candidatura socialista á Xunta nas próximas eleccións, Cerqueiro incidiu en que será "o que el queira". "Eu o que teño claro é que empezou un proxecto. Eu xunto con el, sendo xefe de gabinete na Deputación, sacamos adiante un proxecto municipalista, que iniciaramos con Orozco no Concello de Lugo. Creo que no 2016 ese proxecto municipalista se o trasladásemos á Xunta sería presidente da Xunta. Agora Valentín [González Formoso], Lara [Méndez] e Tomé colleron esa remuda", sentenciou.

"Agora somos un equipo e hai que ver o que é mellor para o partido. Ademais, entre Valentín [González Formoso] e José Ramón [Gómez Besteiro] hai unha relación boísima". "Calquera dos dous poderían ser candidatos, porque Valentín está tamén moi capacitado", indicou o deputado.

E nuns termos semellantes ao manifestado por Valentín González Formoso pronunciouse tamén esta segunda feira o srecretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas: "É un dos maiores activos que temos no PSdeG e debe ser recuperado para a primeira liña da actividade política". Un regreso, matizou, que será unha "decisión persoal" de Besteiro.

Comentarios