luns 23/11/20
Análise

Os Gobernos de Castrelo e Viana, na ilegalidade

O mesmo que sucedeu na Deputación co tránsfuga Miguel Caride podería suceder agora nos dous concellos, nos que o PP encabezou senllas mocións de censura ao BNG.
José Manuel Baltar, co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos. (Foto: @avelino_pazos)
José Manuel Baltar, co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos. (Foto: @avelino_pazos)

A José Manuel Baltar acumúlanselle os problemas. Se antonte se vía na obriga de cesar do seu cargo como vicepresidente da Deputación de Ourense a Miguel Caride, nos próximos días as persoas promovidas por el para os Gobernos de Castrelo de Miño e de Viana do Bolo no pasado verán deberán responder sobre unha situación análoga.

Segundo puido saber Nós Diario a través de fontes do Partido Popular de Ourense, o que realmente preocupa á dirección da formación é o escenario que se abre neses dous últimos concellos, xa que o informe do secretario da corporación provincial condiciona a interpretación xurídica dos seus homólogos en Castrelo de Miño e de Viana do Bolo.

O ditame elaborado pola Secretaría Xeral da Deputación de Ourense é demoledor para os intereses de Baltar. Así, considera que as resolucións polas que se nomea Miguel Caride como vicepresidente da institución “incorren nunha infracción sobrevida do previsto no artigo 73.3 3º da Lei 7/85 de bases de réxime local, tras a fixación da xurisprudencia pola sentenza 1401/2020, sobre a interpretación que debe darse a este artigo, debe procederse ao cesamento do deputado provincial na súa condición de non adscrito, xa que as ditas resolución melloraron o seus estatus de dereitos económicos e políticos”.

Caride, concelleiro de Democracia Ourensá, foi nomeado vicepresidente da corporación provincial tras abandonar a formación e sumarse á operación de Baltar contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

A situación de Caride é idéntica a doutros concelleiros e, mesmo alcaldes, de varias localidades galegas. En Castrelo de Miño fan parte da Xunta de Goberno local dous antigos edís expulsados do PSOE que apoiaron unha moción de censura contra o BNG, percibindo un deles, Jaime Fontanes, unha remuneración económica pola súa responsabilidade. Outro tanto acontece en Viana do Bolo, outros dos concellos tomados por Baltar recorrendo aos tránsfugas, onde dous membros do equipo de Goberno, entre eles o propio alcalde, Abelardo Carballo, teñen esa consideración após apoiar unha moción de censura contra o criterio do grupo municipal socialista.

A sentenza 1401/2020, da Sala Terceira do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo deixa pouca marxe para a interpretación, mais os termos do alcance da mesma fixados polo secretario xeral da Deputación de Ourense complican aínda máis a situación dos Executivos de Castrelo e Viana do Bolo.

Neste sentido, no informe referido afírmase que “o pase á condición de concelleiro non adscrito, como consecuencia ou por razón dun suposto transfuguismo” impide “que se asuman cargos ou se perciban retribucións que antes non se recibían e que impliquen melloras persoais, políticas ou económicas”.

A xurisprudencia aberta polo Tribunal Supremo con esta sentenza que está abaneando o municipalismo no Estado cambia de maneira radical os dereitos dos concelleiros tránsfugas. A este respecto, o secretario xeral da Deputación destaca no seu informe que as competencias dos edís non adscritos fican reducidas exclusivamente “a participar con voz e voto nas comisións informativas”, “participar no control da acción de goberno presentando escritos e mocións”, “participar na deliberación dos órganos colexiados dos que forma parte e o dereito a obter a información necesaria para as súas funcións”.

comentarios