O Consello de Ministros e Ministras extraordinario decorrido hoxe aprobou un real decreto que modifica a lei que impuña a obrigatoriedade do uso da máscara tanto en espazos exteriores como en interiores de uso público. A partir deste sábado, 26 de xuño, poderase ir coa cara descuberta ao aire libre de manterse unha separación mínima de 1,5 metros con persoas non conviventes.
Porén, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, indicou que nos eventos multitudinarios no exterior, a máscara será obrigatoria se o público está de pé e hai aglomeracións, mais de respectarse a distancia mínima e decorrer coas persoas sentadas, non haberá obriga de poñela.
Continuará a obrigatoriedade da máscara nos servizos de transporte público, sexan taxis, trens, autobuses ou barcos, coa excepción das cubertas do transporte marítimo, no caso de manterse a separación interpersoal de 1,5 metros.
Nos espazos fechados de uso público, como oficinas, supermercados ou calquera clase de comercio, o cubrebocas seguirá a ser imprescindíbel. No caso dos bares, a máscara terá que estar posta á entrada, mais o seu uso queda eximido no momento de consumir.
Praia e montaña
No que atinxe ás terrazas de hostalaría, á praia ou aos paseos polo monte, rexerá a norma xeral, se hai unha separación de 1,5 metros de distancia con persoas coas que non se conviva poderase prescindir dela.
Residencias e servizos esenciais
A normativa tamén presenta modificacións no que afecta ás residencias de persoas maiores. Así, cando se supere o 80% das persoas ingresadas coa pauta completa de vacinación, as usuarias e usuarios non terán a obriga de levar a máscara posta.
Si terán que facelo as traballadoras e traballadores e quen veña de visita. Esta medida tamén se aplica nas sedes de servizos esenciais como parques de bombeiros ou centrais de protección civil.