O Goberno español compromete 9.300 millóns para xestión directa da Xunta

José Miñóns insta Rueda a abandonar a "parálise".
O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns. (Foto: Europa Press)
photo_camera O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, presentou esta quinta feira no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela o balance semestral de rendición de contas.

Miñóns, que tamén avanzou as previsións dos próximos meses, subliñou que o Goberno español "puxo sobre a mesa máis de 13.000 millóns de euros para transformar a Galiza neste ano 2023", dos cales 9.300 serán xestionados directamente pola Xunta da Galiza, trasladándolle ao Executivo galego a "oportunidade" de abandonar "a parálise e o pesimismo". José Miñóns recordoulle ao presidente da Xunta que "está en xogo o futuro da Galiza".

O delegado do Goberno español detallou como o Executivo estatal afrontará 2023 coas "mesmas conviccións que guiaron a súa actividade nos últimos meses", un modelo baseado, segundo Miñóns, nos principios de "protexer e avanzar".

O delegado destacou acordos como a designación da Coruña como sede da Aesia, a posta en marcha dun novo Plan Estatal de Vivenda que "aposta" pola vivenda social, melloras na liña de ferrocarril que une Ourense e Lugo, a bonificación do transporte por estrada e en tren, ou axudas "excepcionais" para o sector agrario, lácteo e pesqueiro dentro das medidas de apoio ao sector primario.

Compromiso co hidróxeno verde

Pese a que o Consello de Ministros aprobou esta semana axudas para financiar ao 100%, xunto coa UE, catro proxectos de hidróxeno verde no Estado español (ningún deles na Galiza) e tendo en conta que 96% dos proxectos presentados na Galiza para crear industrias xeradoras desta enerxía están aínda á espera de financiamento público, Miñóns afirmou esta quinta feira que o Goberno do Estado "comprométese" a que Galiza non "quede fóra" de axudas para proxectos de hidróxeno verde nunha segunda fase. "Hai un compromiso claro", afirmou.

"Oportunismo fóra de lugar"

José Miñóns reprobou as Alcaldías que esta cuarta feira asinaron o 'Pacto de Pedre' para reclamar melloras na estrada N-541, na que tivo lugar o accidente de autobús na pasada Noiteboa e no que morreron sete persoas. "Deixemos de lado os oportunismos políticos", afirmou tras ser preguntado pola prensa sobre ese pacto.

Comentarios