Só o BNG vota en contra

O goberno da Coruña transfire 1,2 millóns da renda social para pagar débedas da empresa municipal de vivenda

O Executivo de Ferreiro argumenta que a renda social está aínda en “fase de implantación e avaliación das primeiras solicitudes” e que EMVSA está en situación moi comprometida pola débeda xerada desde 2008.

Pleno Orzamentos A Coruña
photo_camera Salón plenario de María Pita

O Pleno do concello da Coruña acordou esta segunda feira retirar 1,2 millóns de euros da partida orzamentaria da renda social -o proxecto estrela da Marea Atlántica- para os inxectar nas arcas da Empresa Municipal de Vivienda, Servizos e Actividades, á beira do colapso por créditos aos que ten imperiosamente que facer fronte (adebeda por volta de 7 millóns de euros).

A proposta do goberno da Marea Atlántica saíu adiante cos seus propios votos (10) e coa abstención de PP (10) e PSOE (6). Só o BNG votou en contra. Avia Veira, a concelleira nacionalista, argumentou que os fondos para EMVSA debían saír doutros capítulos orzamentarios e non das partidas que financian “a xustiza social”.

A portavoz do PP, Rosa Gallego, criticou a Marea Atlántica por, segundo dixo, ter inflado a mantenta a partida orzamentaria da renda social -2 millóns de euros- á hora da súa apresentación perante a opinión pública. Segundo a portavoz conservadora, o goberno de Ferreiro era consciente de que en ningún caso podería executar neste exercicio eses 2 millóns de euros, e que a partida tiña simplesmente unha intención propagandística.

O goberno de María Pita quería adelgazar aínda máis a partida da renda social para desviar outros 510.000 euros ao proxecto BiciCoruña

Marea Atlántica dá dous argumentos para xustificar a transferencia de fondos da renda social á empresa de vivenda. O primeiro, que esta se acha nunha situación moi delicada do ponto de vista financeiro, entre outras razóns por ter emprendido, baixo os gobernos anteriores, proxectos alleos ao ámbito imobiliario (xestiona por exemplo aparcadoiros). O segundo, que con apenas 300 mil euros é abondo para pór en marcha a renda social, unha prestación que neste momento se encontraría “en fase de implantación e avaliación das primeiras solicitudes”.

En realidade, o goberno de María Pita quería adelgazar aínda máis a partida da renda social para desviar outros 510.000 euros ao proxecto BiciCoruña. A proposta non prosperou ao ser votada en contra por PP, PSOE e BNG. A Marea tencionaba mercar 180 novas bicicletas e instalar 18 novas paradas.

Comentarios