Conclusións do Proceso Adiante (I)

"Gañamos cando somos firmes, convincentes e temos un sorriso na boca"

Sermos comeza unha pequena série de pezas informativas sobre as conclusións do Proceso Adiante, posto en marcha polo BNG rumo á súa XVI Asemblea Nacional, a realizar en marzo.

Adiante
photo_camera Asemblea local do Proceso Adiante en Ferrol

O Proceso Adiante foi posto en marcha para dar cumprimento aos acordos da XV Asemblea Nacional do BNG, realizada en febreiro de 2016, e visaba reactualizar a praxe e tamén a teoría da formación soberanista. Un debate sen límites. Un debate para a refundación.

O desenvolvimento de Adiante caracterizouse por un alto grao de participación -por volta de 1.800 persoas deixaron ouvir a súa voz nos debates-, con destaque para aquelas -arredor dun terzo- que non son militantes da organización. Co obxectivo de as reunións teren a maior asistencia posíbel, optouse por convocar asembleas locais, non comarcais. Tiveron lugar por volta de 120, un número moi respeitábel.

Non só foron moi participativas polo número de persoas, senón polo número de intervencións. Moita xente tomou a palabra. Había gañas de falar de todo, conscientes todas e todos do momento crucial en que se acha o nacionalismo galego.

Polo medio, os resultados de setembro de 2016 nas eleccións ao Parlamento da Galiza, moi por cima do que prognosticaban os inquéritos, tiveron un impacto moi positivo no estado de ánimo de militantes e simpatizantes. Foi unha inxección de moral. E tamén permitiron que a base organizada do nacionalismo constatase cousas como a plena vixencia da marca BNG -cuestionada por algúns sectores após os maos resultados das xerais- e tamén a necesidade de renovar cartaces, caras e discursos.

Após as asembleas, a dirección do proceso entendeu que as conclusións debían partir de mesas temáticas e así constituíronse até 7 blocos distintos:

  • Mesa 1, a realidade económica da Galiza de hoxe
  • Mesa 2, a situación lingüística e cultural e os cambios experimentados no sentimento de pertenza nacional
  • Mesa 3, cambios no comportamento político e eleitoral e na percepción social do nacionalismo
  • Mesa 4, obxectivos estratéxicos e propostas tácticas
  • Mesa 5, construción do discurso (como e que comunicar) e intervención social
  • Mesas 6-7 (en orixe eran distintas, acabaron por se fusionaren por abordaren asuntos conexos), modelo organizativo, papel das asembleas e participación de simpatizantes.

Cada mesa produciu as súas propias conclusións, trasladadas ao Consello Nacional para seren tomadas como base a partir da cal a comisión redactora das teses da XVI Asemblea do BNG irá realizar os seus traballos.

Construción do discurso

O que hai que reactualizar é basicamente a elaboración e a apresentación do discurso (o contido vale, o continente é o que cómpre ir pondo ao día), a forma de o BNG se mover no seo da sociedade galega e de se inter-relacionar cos distintos sectores que a compoñen. Iso é o que se desprende da leitura das conclusións do proceso -están disponíbeis no seu sitio web, Adiante.Gal- e por iso encetamos esta serie de artigos coas análises da Mesa 5.

                               Cal é o obxectivo que se persegue coa construción do discurso? A esa pergunta tan básica responden as persoas participantes no debate da Mesa 5 cunha resposta sintética máis ao mesmo tempo perfeitamente ilustrativa sobre os propósitos que animan a base social do BNG aquí e agora: "Todo o que fagamos debe ir na liña de asentar unha percepción determinada: o nacionalismo -e o propio BNG- como un espazo político aberto, inclusivo, amábel, dialogante, útil e plural, e vinculado claramente a conceitos asentados no marco do sentido común progresista: a loita pola igualdade e contra as discriminacións, o pacifismo, o internacionalismo e solidariedade entre os pobos, o respecto á diversidade".

Mudar a percepción existente sobre o nacionalismo en largos sectores da sociedade. Ese é o ponto. "Trátase de fixar a ideia do nacionalismo como a chave para abrir un futuro mellor, para construír un proxecto de país novo e diferente, inclusivo e aberto, con emprego e benestar", rezan as conclusións da Mesa 5.

Inclusivo e aberto. Palabras mantra.

E daquela por que a percepción que teñen largos sectores da sociedade do nacionalismo é a que é, por que non é a máis favorábel para a hexemonía do soberanismo? A dilucidar esa cuestión dedicaron moitos esforzos e enerxías as persoas participantes no debate. "Como percibe hoxe o nacionalismo, e o BNG, a sociedade galega? Cal é a imaxe existente sobre nós? Que imaxes e construcións -tópicos, prexuízos, valores positivos e negativos- están asentados sobre nós e inflúen nos/as votantes, naquelas persoas que o foron e xa non o son, naquelas que o poderían ser?", pergúntanse desde o Proceso Adiante.

A análise que o colectivo de persoas participantes no debate do proceso Adiante fai é que nos últimos anos o BNG sofreu un serio desgaste social a consecuencia da súa axitada vida interna -con escisións e abandonos de referentes internos- e do devalo eleitoral do nacionalismo. "Asumindo que a nosa marca ten asociados valores positivos (lealdade ao país, traballo, seriedade, mobilización social), entendemos que pode afirmarse que, en liñas xerais, nos últimos anos foi instalándose unha imaxe social negativa do BNG que só se comezou a reverter -xulgamos que moi notabelmente- no pasado proceso eleitoral", dise nos textos da Mesa 5.

Que aconteceu entón nas eleccións de setembro? Que no mecano do discurso o BNG utilizou pezas distintas. Que anovou linguaxe e forma de comunicar. Que acertou coa tecla. Así, a Mesa 5 conclúe que "as eleccións galegas de 2016 marcan neste sentido un punto de inflexión, un antes e un despois e abren unha xanela de oportunidade para construír a imaxe positiva e con futuro do novo BNG. A sensación dun BNG aberto, inclusivo [outra vez as palabras máxicas], solvente, rigoroso e beneficioso para unha grande maioría transversal da nosa sociedade, con novos referentes públicos, axudou a conseguir un bo resultado eleitoral e permite afondar a partir del na construción do novo proxecto do nacionalismo".

"As persoas do BNG non deben pontificar, nin asoballar con todas as súas respostas e posición pechadas, deben escoitar e contrastar desde a escoita activa e a vontade de diálogo"

Os alicerces estarían, pois, postos. Só cabería perseverar na mesma liña, a de mellorar a linguaxe, o estilo e o ton. Destarte, o Proceso Adiante deixou escrito isto: "Procuraremos desintelectualizar as mensaxes e desbotar o uso de linguaxes especializadas, estereotipadas ou conectadas con outras opcións políticas". Mais tamén isto: "As persoas do BNG non deben pontificar, nin asoballar con todas as súas respostas e posición pechadas, deben escoitar e contrastar desde a escoita activa e a vontade de diálogo". Nada de falar ex cátedra. É ben mellor "explicar a utilidade, solvencia e pertinencia das nosas propostas, apoiándonos nunha linguaxe sinxela, clara e comprensíbel".

O discurso quen o vehiculiza son "as persoas referentes" e elas deben contar "con formación de apoio específica no campo da comunicación oral, a relación cos meios e a intervención social e institucional".

adiante3E todo tendo en conta unha orientación básica: "Gañamos cando somos firmes, convincentes e temos un sorriso na boca. Perdemos na descualificación gratuíta, o insulto, o histrionismo impostado (...) Temos que ser nós mesm@s -no que facemos e dicimos- o exemplo daquilo que queremos conseguir. Apostar pola inclusión, o optimismo e confiar nas capacidades do país, con rigor, con vontade de escoita, de cooperación e de acordo, con alegría".

O contexto 

Por último, un apontamento sobre o terreno de xogo. Non é neutral. Está bastante controlado polo adversario principal, o PP, que dispón de poderosísimas ferramentas para socializar as súas mensaxes, o seu discurso. "O PP conta nas súas mans coa capacidade de determinar de arriba a abaixo a liña informativa dos principais medios de comunicación públicos e privados do noso país", conclúe a Mesa 5.

Alén diso, a Galiza non é "suxeito informativo" e os meios hexemónicos alimentan unha "dinámica política fortemente estatalizada" cun "panorama a catro", "con dúas forzas representantes do vello bipartidismo e outras dúas sinaladas e impulsadas mediaticamente como o seu 'recambio'".

Con esa paisaxe mediática, ao nacionalismo cábelle procurar "alternativas para chegar coa nosa mensaxe ao pobo ao que nos queremos dirixir" e o Proceso Adiante cita algunhas: as redes sociais, os meios locais, os meios propios, os "círculos concéntricos" -un modelo comunicativo que vaia do máis próximo ao común, do particular ao xeral.

E comunicar que?

Pois o que o BNG debe comunicar é basicamente unha "alternativa, clara, nacional e popular". Ou sexa, "un horizonte novo e compartido para a grande maioría". Un discurso que priorice os "asuntos materiais sobre os simbólicos" e as "demandas concretas sobre os obxectivos ideolóxicos a longo prazo, que a maioría da sociedade percibe como abstracción".

Gañar un novo país. Esa é a chave para as persoas participantes no Proceso Adiante. Un país que saiba das súas potencialidades e que teña autoestima. E que sorría.

Nota: As fotos que acompañan este texto están tiradas do web Adiante.Gal e son, da parte superior á inferior desta páxina, das asembleas realizadas en Ferrol, Ribeira e Corgo.

Comentarios