O tren de proximidade non para na Galiza

O tren de proximidade non para na Galiza, un dos poucos territorios do Estado que carece desta rede —competencia estatal—, até o punto de que Vigo é a maior área urbana sen servizo de ferrocarril de proximidade. O deseño do Goberno español para os vindeiros anos non prevé modificar este mapa, prexudicial e excluínte para a Galiza.

Vestíbulo da estación de tren de Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vestíbulo da estación de tren de Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).

O tren de proximidade na Galiza semella seguir ben lonxe. A Galiza é un dos poucos territorios do Estado que carecen deste servizo ferroviario, significándose a ampla malla de proximidades actualmente en funcionamento. Contan con proximidades ferroviarias Asturias, Cantabria, Euskadi —arredor de Bilbo e Donosti e cuxo traspaso ao Goberno vasco está negociándose estes meses—, Catalunya, Madrid, o País Valencià, Murcia e Andalucía, con tres redes na área de Sevilla, Málaga e Cádiz.

Áreas metropolitanas como Vigo (550.000 habitantes), Pontevedra-Vigo (700.000) ou Ferrol-A Coruña (650.000) superan en poboación outras zonas do Estado onde veñen funcionando desde hai anos as proximidades. De feito, Vigo é a maior área urbana sen este servizo de ferrocarril.  E a situación non presenta visos de variación polo menos a curto prazo. En setembro do ano pasado o Ministerio de Transportes presentaba o seu plan para declarar "servizos ferroviarios de proximidade" cinco relacións: Palma del Río e Villa del Río (Córdoba), Illescas e Fuenlabrada-Humanes, Málaga-El Chorro-Caminito del Rey, Murcia-Cartagena, Medina del Campo-Valladolid-Palencia.  Andalucía, Castela- A Mancha, Murcia e Castela e León resultan beneficiadas cunha ampliación na que, po-rén, non figura a Galiza.

En 2019 —ano previo á pandemia— as estacións de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña sumaban por volta de oito millóns de persoas usuarias. O aprobado servizo de proximidade para 2023 entre Palencia e Medina calcula que moverá entre dous e tres millóns de persoas.

A reivindicación dun servizo de proximidade é unha constante. O Parlamento galego aprobaba por unanimidade en 1995 o Plan de modernización do ferrocarril Galego. Pouco menos dun ano despois, en setembro de 1996, ese plan chegaba a Madrid, ao Congreso, en forma dunha Proposición non de lei do BNG que, finalmente, non saíu adiante polo voto en contra do PP e coa abstención do PSOE.

Programas electorais

O tren de proximidade figura nos programas electorais das catro forzas principais que concorren pola Galiza ao 23-X, se ben con diferente tratamento. O PP limítase a sinalar que "despregaremos un plan de choque para mellorar a calidade do servizo na mobilidade de proximidade en todas as comunidades autónomas". O PSOE comprométese "a mellorar o investimento na rede convencional e aumentar as inversións para os servizos de proximidade. Sumar, pola súa parte, di que "redirixiremos os investimentos ferroviarios de alta velocidade a Proximidades". Estas tres forzas contemplan eses compromisos sen referencia concreta a Galiza, que si figura na proposta do BNG, que fala de "implantar un servizo de proximidades ferroviarias nas principais cidades galegas".

Comentarios