Os territorios que están mellor financiados contan con concerto

Constituída a comisión sobre o novo modelo de financiamento
Unha sesión da comisión no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press).
photo_camera Sesión de constitución da comisión parlamentaria sobre financiamento. (Foto: Europa Press)ç

A comisión sobre o modelo de financiamento botou a andar nesta terza feira no Parlamento da Galiza. O órgano de estudo, xurdido a partir dunha proposta do BNG, pretende buscar puntos de acordo entre os grupos da Cámara de cara a fixar unha posición conxunta diante do debate do sistema de financiamento.

A hora de aprobar un novo modelo de financiamento achégase, tras atoparse prorrogado o sistema vixente desde 2014. A constitución do grupo de estudo na Cámara galega, demandado con insistencia polo BNG nos últimos anos, deu un paso adiante coa elección da mesa, conformada pola popular Carmen Pormar como presidenta, a deputada do PP Sandra Vázquez como vicepresidenta e o nacionalista Iago Tabarés como secretario.

A posta en marcha da comisión serviu para que os grupos fixaran a súa postura a respecto das cuestións medulares do debate. Neste sentido, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu un novo modelo “para que a Galiza gañe tras anos perdendo cun sistema asinado por Feixoo”.

Criticou “un sistema de recadación centralizada onde é o Estado quen decide como se reparte” e sinalou que “desde o BNG pensamos que debe ser xusto ao contrario, que debe ser a Galiza a que recade o cento por cento dos seus recursos, fixar desde aquí as nosas prioridades de investimento e despois facer contas co Estado. Hai que cambiar a mirada e pór sobre a mesa un modelo deseñado desde a confianza e que nos permita ter a chave dos nosos cartos”.

A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo afirmou que o seu partido busca a postura que “máis beneficie a Galiza” e destacou que “sempre ofrecemos a nosa man tendida para chegar a acordos e para que eses acordos sexan os mellores para a nosa comunidade e para os seus cidadáns”. Nesta dirección, aseverou que unha vez escoitados os expertos, “que son as persoas que máis saben e levan moitos anos traballando neste tema”, e tendo en conta a alternativa da formación, chegarán “a unha conclusión”.

O voceiro popular, Pedro Puy, aproveitou a súa comparecencia para desmarcarse da proposta de concerto formulada polo BNG, se ben reclamou “máis autonomía financeira”, “tendo en conta cal é conxunto dun sistema que ten un importante compoñente redistributivo que beneficia a comunidade autónoma”. “Esa é a lóxica que traemos á comisión e que confiamos que sexa a prioritaria fronte a pretensións máis de carácter político”, concluíu Puy, confrontado coa alternativa dos nacionalistas.

O debate arredor do concerto prodúcese cando a totalidade dos estudos coinciden en que os territorios mellor financiados son aqueles que gozan dese réxime fiscal e recadan os seus impostos. Nesta liña téñense manifestado entidades como a Fundación de Caixas (Funcas), tomando os datos da liquidación orzamentaria de 2017, ou especialistas como Ángel de la Fuente, seguindo as cifras do orzamento de 2019.

A Galiza é unha das grandes perdedores co actual sistema de financiamento. Advírteno economistas de orientación nacionalista como Xosé Díaz, mais tamén expertos ligados ao PP e ao Ibex, por exemplo, De la Fuente que coloca a Galiza como o cuarto territorio peor financiado do Estado.

Comentarios