A receita do PSOE para a reforma do financiamento autonómico: "solidariedade entre nacionalidades"

O PSOE expón "solidariedade" entre "nacionalidades e territorios" para estabelecer o novo financiamento autonómico, á vez que pide "lealdade institucional" entre administracións e reclama que a "capacidade fiscal" dos territorios non condicione a "equidade" de acceso aos servizos públicos.

Emiliano García Page, presidente de Castela A Mancha, en declaracións aos medios (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Emiliano García Page, presidente de Castela A Mancha, en declaracións aos medios (Imaxe: Europa Press).

Os socialistas queren "deixar fóra a confrontación partidista" este asunto e por iso "convida" todos os partidos, sobre todo os de implantación estatal, a "definir unha posición común".

Estas son as conclusións que emitiu hoxe o PSOE despois do encontro que mantiveron os presidentes autonómicos socialistas coa dirección do partido, representada pola súa número dous, Adriana Lastra e polo secretario de Política Autonómica, o presidente estremeño Guillermo Fernández Vara

Ademais, participaron o secretario de Organización do Partido, Santos Cerdán, e as ministras de Facenda, María Jesús Montero e de Política Territorial, Isabel Rodríguez.

Un encontro previo ao convocado polo presidente galego, Alberto Núñez Feixóo, para o próximo 23 de novembro na Galiza co obxectivo de facer unha fronte común entre os territorios afectados polo despoboamento, e ao que teñen intención de asistir algúns presidentes socialistas.

O PSOE fai un chamamento en especial ás "forzas estatais"

No comunicado emitido por Ferraz convídase todas as forzas políticas, "especialmente" aquelas con implantación a nivel estatal, a traballar con honestidade na definición dunha posición común, "deixando fóra a confrontación partidista" co fin de contribuír a aprobar unha reforma do vixente Sistema de Financiamento Autonómico.

Un novo sistema de financiamento, sinalan, que permita a todas as Comunidades Autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla atender as necesidades e satisfacer as expectativas da cidadanía.

Sen concerto económico

O PSOE non contempla un modelo de concerto económico para a Galiza, como pide o BNG. Segundo a forza nacionalista, a Galiza, en base aos últimos datos dispoñíbeis, de 2018, achega máis de 13.000 millóns ao Estado, e recibe 8.000 millóns.

Así, o saldo é positivo en 4.000 millóns de euros ao ano a favor do Estado.

Comentarios