Xosé Díaz, economista, autor de "As contas que nos contan"

"É natural que En Marea, PSOE e PP estean en contra do concerto económico"

Atendendo ao seu carácter "estatal", o economista Xosé Díaz, autor de As contas que nos contan, sinala que ve "normal" que En Marea, o PSOE e o PP se posicionen en contra dun sistema de concerto económico para o país, pois este é un modelo que "corresponde á idea de Galiza como nación".

DSC_1161
photo_camera Xosé Díaz, na Facultade de Económicas da UDC

DSC_1158Preguntado por Sermos Galiza ao respeito, antes de comezar a conferencia que impartiu na Facultade de Economía e Empresa da Coruña, Xosé Díaz puxo de manifesto que lle parece "normal" que "grupos políticos estatais e non nacionalistas, como En Marea, PSOE e PP, desboten o concerto económico para Galiza". Indica que o concerto "corresponde a unha idea de Galiza como nación" e que as citadas formacións políticas "pensan que Galiza é unha simple rexión, como podería ser Murcia ou La Rioja".

Aliás, o economista advirte do "absurdo" que lle resulta o feito de que "até hai ben pouco, estes grupos políticos defenderan que co sistema de concerto Galiza financiaría moito peor os servizos públicos e as competencias das que dispón". "Todo o mundo sabe que soportamos 11.131 millóns de euros, mentres que o custo das nosas competencias é duns 7.000 millóns, polo tanto, un sistema de concerto daríalle a Galiza unha cantidade de cartos moi importante para destinar a servizos públicos e a benestar das persoas", asegurou.

Pola outra banda, cualificou de "disparate" o feito de que En Marea, PSOE e PP consideren que un sistema de concerto provoque desigualdade, "o último que se lles ocorrería aos vascos e navarros sería botarlle a culpa ao sistema de concerto que teñen e que os sitúa nos niveis máis elevados dentro do Estado español e da UE, tanto en PIB per cápita, como en protección social, como en infraestruturas".

Por último, fixo alusión ao portavoz de En Marea, Luís Villares, cando advertiu de que o xuíz defendía "unha confederación de 18 nacións". "Entendo que fala de que todas as comunidades autónomas son nacións e que, en consecuencia, Galiza, Catalunya e Euskadi serían iguais a Murcia, por exemplo", afirmou. Ironizou coa suma de 18 nacións, "quizais quixer que nos confederásemos con Portugal, pois polo de agora as comunidades autónomas son 17".

As contas que nos contan, na UDC

Xosé Díaz impartiu unha conferencia na Facultade de Economía e Empresa na sexta feira, 17 de febreiro, na que, a través de argumentos científicos, debullou o contido de As contas que nos contan, diante de alumnado da UDC, a quen lle explicou o “uso perverso” da “ideoloxía das balanzas fiscais”, que leva a pensar que Galiza “é un país subsidiado” e que “somos incapaces de nos valer por nós mesmos”. “Usar unicamente como ferramenta as balanzas fiscais é un auténtico disparate”, advertiu.

O economista cualificou de “falacia” o resultado que emana do balance fiscal de ingresos e gastos sen facer, á vez, un balance das relacións económicas entre o Estado español e Galiza. Sinalou, neste sentido, que a economía “é máis que unha suma de balanzas” e denunciou que se nos queira presentar “un presente falseado para negarnos o noso futuro en liberdade, para que nos sigamos mantendo nunha relación de submisión e dependencia a respeito do Estado español”. “Co uso das balanzas fiscais, queren dar a entender que sen a existencia do Estado non somos ninguén”, ilustrou.

“Madrid fica baleirado de gastos e pode ofrecer esa visión solidaria que interesa dar”

dentroPara desmontar o mito da Galiza subsidiada, o economista deu conta, alén da metodoloxía das balanzas e da necesidade de empregar os fluxos reais,  da recadación de impostos tanto no país como a nivel central, así como os gastos que Madrid lle imputa ao resto de territorios. Neste sentido, informou de que a Galiza lle corresponde pagar 1.000.069 euros de gastos da Administración do Estado. “Madrid fica baleirado de gastos e pode ofrecer esa visión solidaria que interesa dar”, advertiu.

A capacidade fiscal de Galiza, a diferenza entre créditos e investimentos a respeito dos aforros galegos e a imputación das pensións foron outros dos temas tratados por Xosé Díaz na Facultade de Económicas da UDC, onde, con elementos técnicos, tamén tratou a balanza enerxética.

O economista foi presentado diante do alumnado e profesorado que asistiu á conferencia por Anxo Calvo, decano da Facultade de Economía e Empresa, quen lle agradeceu a Xosé Díaz a súa contribución á hora de estimular a mente do alumnado.

As contas que nos contan é o último libro editado por Sermos Galiza, un agasallo aos subscritores e subscritoras que tamén está á venda na loxa e nas librarías.

Comentarios