venres 10.04.2020

Galiza paga os recortes en sanidade pública do PP

Os recortes en materia de Sanidade e a privatización de servizos nos Gobernos de Feixoo leva a que Galiza parta dunha situación de debilidade asistencial á hora de afrontar a crise do coronavirus.
As profesionais de Atención Primaria protestan ante o edificio do Sergas. (Europa Press).



Manifestación médicos atención primaria ante el edificio del Sergas de la consellería de Sanidade de la Xunta
  (Foto de ARCHIVO)

19/6/2019
As profesionais de Atención Primaria protestan ante o edificio do Sergas. (Europa Press). Manifestación médicos atención primaria ante el edificio del Sergas de la consellería de Sanidade de la Xunta (Foto de ARCHIVO) 19/6/2019

Unha das cousas que máis preocupan ás Administracións nesta crise polo avance do coronavirus é que se produza un colapso da sanidade pública, de aí as medidas de confinamento. O problema é que Galiza é un deses territorios que conta cunha peor situación de partida e isto é consecuencia dos recortes orzamentarios e de persoal levados a cabo pola Xunta nos diferentes gobernos do PP. 

Aínda que saíse nos últimos días anunciando a habilitación de novas camas e a contratación de máis persoal, o certo é que o presidente galego recortou o orzamento en máis de 1.000 millóns desde 2009 e incrementou os concertos cos centros privados, que xa representan 25% da atención hospitalaria na Galiza. 

Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, o seu secretario e médico, Xosé María Dios, considera "kafkiano" e "maquiavélico" o sistema artellado polo PP para derivar á privada as pacientes que non pode atender dentro dos prazos na Sanidade Pública. Como lembra a Nós Diario, teno que facer após "non pór os cartos para que se cumpra o que eles mesmos promulgaron na Lei de Garantías Sanitarias".

Neste senso, tamén lembra a "precarización" á que están sometidas moitas das profesionais, e que mesmo foi denunciada pola Comisión Europea. "Non se pode contratar a xente por horas cando estás traballando un día; non se pode contratar a xente de segunda a sexta feira cando vas traballar a semana seguinte por librar de pagar sábado e domingo; non podes facer contratos leoninos dun ou dous meses para unha praza na que leva esa persoa varios anos, non se pode manter persoal fixo, que xa está no sistema, con contratos cada 15 días", critica Dios.

"Unha emerxencia sanitaria deste tipo require que todos rememos na mesma dirección, pero non podemos esquecer o que nos levou a estar nesta situación", di o portavoz da asociación, para quen o feito de que Feixoo felicite agora o persoal a quen baixou o soldo, conxelou salario e fixo traballar máis horas por non pór substitutas "non é de recibo, e a hipocresía é manifesta". O mesmo que falar de camas "cando el foi responsábel da privatización do Cunqueiro, da venda do Meixoeiro...".

Os recortes da Xunta contrastan coa forte aposta do bipartito entre os anos 2005 e 2009 por aumentar recursos, medios e persoal. Mesmo tiñan un plan "consensuado con todos os actores sociais" para mellorar a Atención Primaria que o PP eliminou tan pronto chegou ao Goberno. "O seu afán era privatizar, privatizar e privatizar", lamenta o médico de Outes.

Propaganda fronte a datos

Pola súa banda, Montse Prado, do Bloque Nacionalista Galego, lamenta que Feixoo non queira recoñecer as evidencias e opte por "intentar agochar os datos entre montañas de propaganda", como o anuncio da convocatoria de novas prazas, cando entre 2010 e 2015 só puideron repor 10% das que se foron perdendo e que xa non se poderán recuperar, pois agora só se permite repor as posteriores ao ano 2016. 

"A opacidade da Xunta do PP ao respecto dos datos da sanidade é un clamor", afirma Prado, quen critica que non haxa censos nin relación das profesionais que prestan servizo na Galiza. Tamén afea ao Goberno algúns aspectos da xestión da crise, como a liberdade que está a dar aos centros privados, dos que prometeu facerse cargo. "Na teoría parece que o fixeron, pero queremos que se vexa na práctica". Como sinala, "hai hospitais privados que están despedindo xente, reducindo os cadros de persoal e permitindo que os empregados collan vacacións en lugar de pór todos eses recursos a disposición de atender a poboación". 

As profesionais da sanidade, ás que a Xunta cargou co peso dos recortes, "son as que nos están a salvar", asegura o socialista Julio Torrado. En declaracións a este medio, asegurou que están a facer un traballo "admirábel", ao tempo que lamentou que Galiza perdera a oportunidade de contar no seu día con máis profesionais, e tamén un sistema de xerencias que axudaba a xestionalas mellor e con máis autonomía. "Estase notando a política de recortes do PP, pero as valoracións virán despois", engade. O que si, recoñece que o déficit de profesionais coloca a Galiza nunha posición "algo máis feble de partida" con respecto a outros territorios.

A realidade galega 

Pero a Xunta aínda ten marxe para actuar. "Feixoo ten responsabilidades e competencias, e o decreto permite que as manteña", lembra Montse Prado. "Na Galiza tivemos máis tempo para prepararnos, e iso tiña que ser unha vantaxe".

A deputada nacionalista sinala que aínda hai traballadoras sanitarias en situación de desemprego ás que se podería contratar. E plantas nos hospitais que estiveron anos fechadas que agora se poden pór en uso. "Feixoo ten que ser proactivo. Liderar, coordinar e resolver, e non agardar a que pasen as cousas e responder de forma reactiva".  

Na súa opinión, a Xunta tiña que ter actuado máis rápido. O problema tamén está na centralización na toma de decisión que "non soluciona os problemas, senón que os agrava polo descoñecemento da realidade".

comentarios