Galiza Nova, contra as “rebaixas laborais”

Aproveitando o comezo das rebaixas, Galiza Nova enceta unha campaña que pide rematar coas “rebaixas laborais” e que esixe “un emprego digno e sen explotación”.

C1ltoP-W8AEuKS2
photo_camera [Imaxe: Galiza Nova]

Co comezo das rebaixas, este 7 de xaneiro, Galiza Nova iniciou unha campaña encamiñada a recuperar dereitos laborais que se perderon debido ás “reformas laborais impostas polo PSOE e polo PP”.

Así, na tarde do sábado, Galiza Nova percorreu zonas comerciais en distintas localidades para informar da súa campaña, que carga contra a “precariedade laboral” que sofren sectores como o téxtil e o comercio. A organización xuvenil do BNG advirte do “continuado recorte dos salarios e das condicións de traballo”, dos “contratos ultraprecarios, temporais e a tempo parcial”, así como do “abaratamento até o extremo do despedimento”.

"As reformas do PSOE e do PP lograron empobrecernos máis para seguiren a cebar as contas de resultados do empresariado"

Os mozos e mozas da formación nacionalista denuncian que as reformas do PSOE e do PP “lograron empobrecernos máis para seguiren a cebar as contas de resultados do empresariado”. Unha realidade, din, que se fai máis evidente no sector téxtil e no comercio, co lucro das “grandes empresas multinacionais”. “O aumento da explotación laboral é o principal mecanismo que as empresas empregan para abaratar os prezos, desde a manufactura até a venda directa ao público. A deslocalización da produción a outros países é o grao máis brutal desa política”, alertan.

Galiza Nova chama á concienciación de consumidores e consumidoras  e esíxelle ao Goberno español e ao galego a adopción de medidas que poñan fin “á rebaixa dos nosos dereitos laborais”. Entre as actuacións que defende a mocidade nacionalista destaca o aumento dos salarios; a derrogación das reformas laborais e da actual negociación colectiva; a eliminación das ETTs, limitación da contratación temporal e a tempo parcial ou a redución da xornada laboral a 35 horas semanais e limitación das horas extra.

Galiza Nova pide penalizar as empresas que deslocalicen a súa produción a outros países con peores condicións laborais

A organización xuvenil do BNG tamén reclama reactivar a un Marco Galego de Relacións Laborais; unha nova regulación dos horarios comerciais que permita o descanso e a conciliación da vida laboral e persoal e penalizar as empresas que deslocalicen a súa produción a outros países con peores condicións laborais.

Galiza Nova, expulsada de Marineda City

Un dos repartos de material informativo organizados por Galiza Nova tivo lugar nas inmediacións de Marineda City, o grande complexo comercial situado nas proximidades da cidade da Coruña. Galiza Nova lamentou non poder concluír o reparto debido á Dirección do centro comercial, que enviou persoal de seguridade para expulsar a militancia da praza desta grande área.

Comentarios