A CIG alerta de que a reforma laboral non recuperará dereitos perdidos polas traballadoras

A central sindical considera que o texto que o Ministerio de Traballo pactou con CCOO, UXT e os empresarios tampouco "avanza na consecución de novos dereitos, tan necesarios nun contexto de crise como o actual e logo dunha década de empobrecemento e precarización da clase traballadora".
Os secretarios xerais de ELA, Mitxel Lakuntza, a CIG, Paulo Carril, e a Intersindical de Catalunya, Sergi Perelló, nunha mobilización ante o Ministerio de Traballo en xuño. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os secretarios xerais de ELA, Mitxel Lakuntza, a CIG, Paulo Carril, e a Intersindical de Catalunya, Sergi Perelló, nunha mobilización ante o Ministerio de Traballo en xuño. (Foto: Europa Press)

A CIG, sindicato que non estivo convidado a participar nas conversas sobre a nova reforma laboral e achegar a perspectiva galega, conclúe que o acordo anunciado esta quinta feira por sobre a mesa "unha nova reforma laboral inxusta". Após coñecer uns primeiros datos do texto referendado pola ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, o empresariado e as centrais sindicais de Comisións Obreiras e UXT, incide en que "non permite a recuperación de dereitos perdidos" pola clase traballadora nos últimos anos.

Aínda que puntualiza que analizará máis a fondo o documento, o sindicato do país lamenta que quedaran "intactas as partes máis lesivas" da norma que sacara adiante o PP en 2012.

"Non avanza polo tanto na consecución de novos dereitos, tan necesarios nun contexto de crise como o actual e logo dunha década de empobrecemento e precarización da clase traballadora", subliña.

O secretario xeral, Paulo Carril, denuncia que as promesas de derrogar a reforma laboral de certos partidos políticos e sindicatos quedaron niso, só en promesas.

O contido do documento rubricado este 23 de decembro, "pola información publicada até agora, consiste nunha actualización da normativa previa para adaptala ao marco do plan de recuperación da actual crise capitalista, que se deseñou dende a Unión Europea baixo a marca NextGeneration".

Así, continuarían vixentes puntos que facilitan e abaratan o despedimento, por exemplo. Tamén dependerá só das empresas decidir un cambio destacado nas condicións de traballo. Son só dous exemplos.

Sobre outros aspectos presentados como novidosos desta reforma, referidos á precariedade, á subcontratación e á temporalidade, Carril advirte de que "non se crea nin se asegura ningún dereito, xa que non se fecha a porta a que as empresas sigan facendo abuso da temporalidade e da subcontratación".

"Para nada estamos diante de ningunha clase de derrogación da reforma laboral, no mellor dos casos, estamos ante unha grave actualización e posta a punto da brutal reforma laboral de 2012 do PP", conclúe o representante da CIG.

Comentarios