A reforma laboral acada o si de CCOO, UXT e empresarios

A Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, destaca nun comunicado que "por primeira vez na historia unha reforma laboral deste calado obtén o respaldo unánime dos axentes sociais".
O presidente de CEOE, Antonio Garamendi; o líder de UXT, Pepe Álvarez; a ministra, Yolanda Díaz; o presidente de Cepyme, Gerardo Cuevas; y o líder de CCOO, Unai Sordo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera O presidente de CEOE, Antonio Garamendi; o líder de UXT, Pepe Álvarez; a ministra, Yolanda Díaz; o presidente de Cepyme, Gerardo Cuevas; y o líder de CCOO, Unai Sordo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O Goberno do Estado español vén de acadar o si do empresariado e dos sindicatos CCOO e UXT para conseguiu cumprir o seu obxectivo, prometido a Bruxelas, de ter lista a reforma laboral antes de que rematase 2021. Após meses de negociacións, a ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, fala de acordo "histórico".

"Por primeira vez na historia unha reforma laboral deste calado obtén o respaldo unánime dos axentes sociais", indicaron fontes do departamento de Díaz, que lembraron que na noite desta cuarta feira aínda non había pacto ao 100%.

Após que o texto pasara polos órganos de dirección das centrais sindicais CCOO e UXT e as patronais CEOE e Cepyme, conseguironse os avais para a modificación. 

Agora existe un acordo a tres bandas para mudar o sistema de relacións laborais en todo o Estado español malia que ao principio chegar a este punto de encontro semellaba moi difícil, ou polo menos facelo antes de finalizar o exercicio en curso.

Após este paso cualificado como "histórico", o Executivo estatal levará a reforma laboral para a súa aprobación ao Consello de Ministros da próxima terza feira, 28 de decembro, para a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) antes de que culmine 2021.

"Todas as partes presentes na mesa de diálogo social negociaron sen escatimar en esforzos para chegar a unha resposta conxunta que permitise dotar as relacións laborais dun novo marco xuridicamente seguro, avanzado, que nos aproxima a Europa e con vocación de perdurar no tempo e de continuar traballando para mellorar o noso país", subliñaron fontes da área de Traballo.

Cuestións concretas

A reforma pactada toca varios aspectos do Estatuto dos Traballadores, como a contratación e a negociación colectiva, e ten entre os seus principais obxectivos a redución da elevada temporalidade que existe actualmente para as e os traballadores no Estado.

Así, o texto presentado polo Goberno na mesa de diálogo social, e ao que tivo acceso Europa Press, estabelece que o contrato de traballo ordinario será o indefinido e que só poderán facerse dous tipos de contratos temporais: o estrutural e o formativo.

O primeiro deles, o estrutural, só poderá responder a dúas causas. Estas serán circunstancias da produción e por substitución doutro traballador con reserva de posto de traballo, a condición de que quede perfectamente especificado a quen substitúe o traballador contratado.

O outro será o contrato por circunstancias da produción, que só poderá concertarse por incrementos ocasionais imprevisíbeis da produción ou oscilacións da demanda, por un tempo máximo de seis meses, ampliábeis a doce se así o estabelece o convenio colectivo sectorial de quenda.

Así mesmo, as partes acordaron reducir a 18 meses nun período de 24 meses o prazo de encadeamento de contratos para adquirir a condición de traballador indefinido, fronte aos 24 meses nun período de 30 meses vixente actualmente.

O incumprimento das normas que regulan a contratación temporal levará a que o traballador sexa considerado indefinido. De feito, elevaranse as sancións contempladas na Lei de Infraccións e da Orde Social (LISOS) polo uso fraudulento da contratación temporal, marcándose sancións por cada situación fraudulenta e non por empresa.

Comentarios