Forzas integradas en AGE chaman a formar unha coalición nas europeas de 2014

A coordenadora nacional de EU e a dirección de Espazo ecosocialista galego apostan na constitución dunha "gran alianza electoral" cara ás eleccións ao Parlamento europeo que terán lugar o vindeiro ano. Aliás, Yolanda Díaz acusa o "BNG e outros sectores" de querer que a coaligación acabe por rachar.  

Diversas forzas políticas que converxen na coligación electoral da Alternativa Galega de Esquerda amosaron publicamente a súa vontade por manteren a unidade electoral cara ás europeas de 2014. Neste senso, a Coordenadora nacional de Espazo ecosocialista galego (EEG) avanzou que artellará unha "convención electoral onde debaterá" a constitución dunha "ampla alianza" que concorra aos comicios europeos do vindeiro ano. Da man deberían ir "todas as forzas das esquerdas nacionais e estatais", aseguraron desde a formación após a xuntanza trimestral da súa Coordinadora nacional, cuxo obxectivo é "ir creando as alianzas necesarias para vertebrar unha alternativa política e electoral ás actuais elites dominantes". 

Espazo ecosocialista galego aposta na constitución dunha "ampla alianza" en que converxan "as esquerdas nacionais e estatais" de cara ás europeas de 2014

Logo da experiencia vivida nas eleccións ao Parlamento galego --de cuxos resultados AGE tirou grupo parlamentar propio (9 deputad@s)-- as forzas integradas na coalición electoral apostan en repetiren a fórmula e concorreren de maneira conxunta ás europeas. No entanto, non descartan converxeren con outras formacións --mesmo de ámbito español-- e constituíren "marcos de confianza e estruturas de relación" que dean continuidade a AGE e a convertan no motor dunha coalición máis ampla. 

"Sería absolutamente marabilloso que AGE, a esquerda anticapitalista galega, concorra nun proceso de máximas alianzas no conxunto do Estado español", asegurou a coordinadora nacional de Esquerda Unida e vice-voceira parlamentar de AGE, Yolanda Díaz quen se amosou moi partidaria de a coligación creada conxuntamente con Anova concorrer ás europeas. "Son partidaria dun máximo de converxencia", sentenciou. 

As asembleas nacionais que Esquerda Unida e Anova celebrarán nos vindeiros meses tratarán a súa eventual converxencia eleitoral nas europeas,entre outras cuestións. Porén, desde Esquerda Unida xa amosaron a súa disposición por "reforzar" a coalición e mesmo pular pola constitución dunha máis ampla de ámbito estatal. "Se formos capaces de conformarmos unha grande alianza electoral de aquí ás europeas, estou segura de que serían espectaculares", asegurou a coordenadora nacional de Esquerda Unida a respeito dos resultados dos comicios. 

Porén, a nivel español unha das correntes integradas en Izquierda Unida --a liderada polo deputado Gaspar Llamazares-- xa anunciou a súa vontade de consitituír unha "fronte ampla" cara ás eleccións europeas á que está chamada "a esquerda española", nomeadamente Equo e PSOE, ben como as cúpulas de CCOO e UGT en aras de se constituír unha "alternativa críbel" ao Partido Popular. Neste senso, malia a non se debater até o momento a proposta lanzada por Llamazares nos órganos de Izquierda Unida, as súas delegacións territoriais poderían estar a artellar fórmulas que deviñeran na creación desa coalición electoral. 

Yolanda Díaz: "Calquera persoa da Galiza, da esquerda crítica, identifica a mensaxe da Alternativa Galega con EU"

Para a deputada de AGE, a sinerxia electoral e política con outras formacións non supón a perda de identidade para a súa organización pois asegurou que "non existe ningún risco" a respeito do recoñecemento de Esquerda Unida nas siglas de AGE. "Calquera persoa da Galiza, da esquerda crítica, identifica a mensaxe da Alternativa Galega con EU", sentenciou,  malia a existiren múltiples forzas políticas no seo da mesma. 

"BNG e outros sectores están interesados en que rache a coalición"

Ao igual que xa acontecera en anteriores ocasións, a vice-voceira de AGE e coordinadora nacional de EU aproveitou para bater contra formacións arredadas da órbita da Alternativa Galega. Neste senso, e após nun mítin interpelar ao BNG coa frase "non vos enterades de nada", en alusión á reivindicación do dereito a decidir que realiza a formación frentista, Yolanda Díaz acusou agora o BNG e "a outros sectores" de procuraren a ruptura da coligación electoral xurdida da man de Anova e EU. "Sinceramente, EU pensa que se caésemos na trampa truncariamos as ilusións xeradas a máis de 200.000 persoas", defendeu a parlamentar. 

Comentarios