28-M

Formoso gaba a campaña "en positivo" do PSdeG e pregunta a Rueda se se "avergoña" dos seus candidatos

O líder socialista visita Xinzo de Limia para apoiar a xestión da súa candidata e actual alcaldesa, Elvira Lama, e aproveita para responder ao presidente da Xunta e do PPdeG após afirmar que Abel Caballero "vai de independente" na campaña viguesa.
Valentín González Formoso visitou Xinzo para apoiar a alcaldesa e, novamente, candidata socialista, Elvira Lama. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso visitou Xinzo para apoiar a alcaldesa e, novamente, candidata socialista, Elvira Lama. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acusou esta terza feira o presidente do PP na Galiza, Alfonso Rueda, de percorrer o o país andando "aos biosbardos", logo de "acusar" o alcalde de Vigo, Abel Caballero, "de ser socialista", e preguntou se non será o propio Rueda "o que se avergoña" do seu partido. No sentido oposto, dixo, o Partido Socialista fai campaña "en positivo".

En declaracións aos medios durante unha visita a Xinzo de Limia para apoiar a alcaldesa e novamente candidata socialista o vindeiro 28 de maio, Elvira Lama, o líder dos socialistas galegos puxo en valor a xestión do PSdeG en Xinzo e en todos os municipios e deputacións onde goberna, onde o urbanismo "ao servizo da cidadanía", a calidade de vida, o emprego e a defensa do tecido produtivo son a súa "bandeira".

Fronte a iso, engadiu, "vemos un presidente da Xunta que percorre a Galiza nos biosbardos, acusando Abel Caballero de ser socialista". "Eu creo que estamos moi orgullosos e orgullosas todas as socialistas de formar parte dun partido con 143 anos de historia, de servizo impecábel a este país", aseverou.

"O que estará avergoñado será el, dun partido que ten que esconder o seu tesoureiro, que está no cárcere, ou que esconde os seus ex presidentes", cuestionou. Aliás, incidiu, o PPdeG "dá as costas" aos pensionistas galegos por votar en contra da reforma das pensións, "asumindo o postulado de Feixoo/Raxoi". O secretario xeral do PSdeG proclamou que o "compromiso" do seu partido con traballadores e pensionistas galegos é "indiscutíbel".

Na súa intervención, Elvira Lama viu con "boa perspectiva" as eleccións do 28 de maio, pois, despois de estar no goberno no último mandato, a veciñanza ve na alcaldesa "unha persoa próxima" e, no equipo de goberno, "xente con capacidade para demandar doutras administracións" financiamentos que serían "inabordábeis" para un concello do pequeno tamaño de Xinzo.

A candidata á reelección rematou agradecendo a "implicación" do Goberno español e o "fío directo" cos ministerios que, celebrou, "permiten proxectos" como o que presentou esta terza feira a Formoso para "facer moito máis amábel a vila para a súa xente".

Críticas a Pontón

Por outra parte, tamén lanzou críticas cara á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a quen acusou de "falar de [eleccións] autonómicas permanentemente", dando "as costas" ás "313 realidades municipais", que son "a referencia política dos galegos e galegas".

En relación con esta cuestión, afeou á líder nacionalista que "renuncie a facer campaña nos concellos", que renuncie a esa realidade municipal "que é Galiza en si mesma". "Os concellos son a conexión con cada veciño e cada veciña que ten este país", salientou.

Comentarios