28-M

Formoso reivindica en Culleredo a "capacidade transformadora" dos gobernos do PSdeG

O número un dos socialistas galegos falou nun mitin dun municipio simbólico para o seu partido logo de manter a Alcaldía desde a recuperación da democracia, “acompañando o seu crecemento” até converterse “nunha cidade”.
Formoso (centro) esta sexta feira en Culleredo (Foto: PSdeG).
photo_camera Formoso (centro) esta sexta feira en Culleredo (Foto: PSdeG).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou desde Culleredo a “capacidade transformadora para mellorar o día a día das persoas” dos concellos gobernados polos socialistas”, cuxo número buscan estender a tantos concellos como sexa posíbel logo do 28 de maio para que Galiza “siga avanzando” dende a política da man do seu partido.

O número un dos socialistas galegos falou nun mitin dun municipio simbólico para o seu partido logo de manter a Alcaldía desde a recuperación da democracia, “acompañando o seu crecemento” até converterse “nunha cidade”. No acto, tamén tomou a palabra o histórico rexedor socialista, Julio Sacristán, ademais do actual alcalde e candidato, José Ramón Rioboo.

Desde o municipio, lanzou unha mensaxe dirixida a cada un dos candidatos e militantes que porán o seu gran de area na campaña das eleccións locais ata o 28 de maio. O seu secretario xeral emprazounos a “arremangarse” para poder “explicar o traballo realizado desde o goberno e desde a oposición”, así como os proxectos que se queren desenvolver “para lograr que avancen” cada un dos 305 concellos nos que presentan candidatura.

Para isto elixiu apoiar ao seu compañeiro Rioboo en Culleredo, porque entende que este municipio é “o exemplo palpábel do que se pode conseguir con gobernos socialistas que gocen de estabilidade para desenvolver o modelo de progreso e con futuro”, que estea “ligado á transformación económica” co obxectivo último de xerar emprego “para que a xente teña tranquilidade no seu día a día”, así como para reter o talento das “xeracións mellor formadas na historia da Galiza”.

Exemplificou o que significa o “modelo de avance” baseado no dinamismo e en crear vilas máis prósperas, cos dous proxectos de restauración da Ría do Burgo e da fábrica da Cros, que o mesmo Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, acudiu a coñecer apenas hai unha semana, destacando ao concello como “referente da economía circular”.

"Proxecto ambicioso"

Pola súa parte, José Ramón Rioboo presentou o seu “proxecto ambicioso” para os vindeiros catro anos, co cal quere seguir impulsando a “segunda transformación urbana de Culleredo”.  Da súa candidatura apuntou que “somos un equipo con experiencia na xestión, con ilusión e con moitas ideas para que Culleredo siga avanzando”.

O alcalde e candidato á reelección tamén indicou que o pasado mandato foi o máis complicado da democracia debido á crise sanitaria. “Nese difícil contexto actuamos como correspondía, marcándonos como prioridade dar a resposta social necesaria, especialmente ás persoas máis vulnerábeis”, expresou.

Comentarios