28-M

Formoso reivindica a "conexión" do PSdeG coa Galiza urbana e rural

O secretario xeral do PSdeG defendeu a "conexión" dos socialistas tanto coa parte urbana como coa rural do país.

Formoso afirma que as perspectivas son "francamente boas". (Foto: Nós Diario)
photo_camera Formoso afirma que as perspectivas son "francamente boas". (Foto: Nós Diario)

Nun acto de campaña en Cedeira, Valentín González Formoso contrapuxo o seu partido ao PPdeG, pois “ten conexión só no urbano, e é incapaz de vincularse co rural". "É imposible que unha formación que aspira a gobernar un país non teña representación en ambos os mundos", insistiu.

Formoso sinalou ademais que o que perciben en Cedeira é o que perciben no resto de concellos, "nas 313 realidades onde o PSOE ten inmensa maioría de representación".

"Hai unha ilusión enorme, unha conectividade coa idea socialdemócrata que representa o PSOE", comentou, apuntando ademais que aspiran a conseguir un PSdeG "imperante en todas as institucións municipais, provinciais, e logo, na gran materia, que vai ser a Galiza".

Respecto ás últimas enquisas de intención de voto publicadas, Formoso insistiu en que o que reflicten é o que ve o partido cando percorre Galiza, "unha empatía total co proxecto socialista". "Creo que acertamos, e tamén coas persoas", aseverou.

Concretamente, respecto á situación en Ferrol, onte as enquisas apuntan a un cambio en favor dos populares, o líder socialista considera que os ferroláns "exercerán responsábelmente o seu voto".

"Esta vez vai romper a dinámica histórica e Ángel Mato vai repetir. A cidade necesita continuidade para levar a cabo os proxectos que necesita", indicou.

Por último, Formoso lembrou que "non é o mesmo que goberne Mariano Rajoy/Alberto Núñez Feijóo/Alfonso Rueda a que o fagan Felipe González/José Luis Rodríguez Zapatero/Pedro Sánchez".

"Acaba de quedar acreditado que o partido que fixo nacer o proxecto europeo é o que agora está a regar Europa e recollendo os seus réditos, ese investimento en proxectos europeos grazas aos que despregamos unha política de protección social nunca vista, aumentáronse os postos fixos, o salario mínimo interprofesional... os pensionistas teñen agora unha lei que os ampara e dignifícaos. Investir en nós é investir no futuro da Galiza", concluíu.

Comentarios