18-F

Formoso ve o discurso de Rueda "cargado de autocompracencia"

O secretario xeral dos socialistas galegos afeou que Rueda "negue as realidades que as galegas e galegos están a sufrir cada día" así como a "falta de autocrítica".
Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, viu o discurso de Fin de Ano do presidente da Galiza, Alfonso Rueda, "cargado de autocompracencia". Ademais, afeou que "negue as realidades que as galegas e galegos están a sufrir cada día" así como a "falta de autocrítica" que "contrasta coa realidade das consecuencias das políticas liberais do PP sobre os servizos públicos".

Fronte ao discurso de Rueda, o responsábel socialista apuntou que os galegos e as galegas teñen que afrontar a noite de Fin de Ano coas urxencias sanitarias "colapsadas e ateigadas" tras a "política de privatizacións" do Executivo galego, a "falta de contratacións de profesionais sanitarios" e a "política de desmoralización do persoal".

Ademais, Formoso criticou que o presidente galego "siga sen explicar por que fechou 138 colexios na Galiza" e o "gran fracaso" da súa xestión, "que supuxo a marcha de máis de 60.000 mozos para buscar traballo fóra da súa terra".

O secretario xeral dos socialistas galegos apostou por afrontar un 2024 "ben distinto", que permita "un país mellor nas próximas eleccións" da man do candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro.

Así, defendeu un proxecto progresista alternativo que abra a "posibilidade dunha Galiza con máis alegría, máis ilusión, máis moral e máis capacidade, e sobre todo con máis convicción nas capacidades do pobo galego".

Como garantía do seu candidato, Formoso apuntou que os socialistas "cambiaron os dereitos a nivel estatal e europeo" e están "a liderar a política a nivel europeo". "É o mesmo PSdeG que ten que liderar a política galega nos próximos anos", resolveu.

Pola súa parte, a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, viu na mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o adianto dun aninovo 2024 "marcado pola estabilidade, o sentidiño e unha Galiza que non para".

Para Prado, esta mensaxe foi "unha reivindicación da normalidade extraordinaria da que gozan os galegos" e "unha aposta clara por seguir facendo de Galicia unha illa de estabilidade" coa vista posta no próximo 18 de febreiro.

A número dous dos populares galegos considera que a Galiza é, a día de hoxe, algo "excepcional" no territorio estatal porque conta cun Goberno, encabezado polo presidente Rueda, "dedicado a gobernar e que non ten outra prioridade que as prioridades dos galegos e das galegas".

Comentarios