VÍDEO | Rueda apela a un debate construtivo na súa mensaxe de Fin de Ano

O presidente da Galiza pronunciou o seu discurso desde o Pazo de Xelmírez.
O presidente da Galiza, Alfonso Rueda, no Pazo de Xelmírez (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente da Galiza, Alfonso Rueda, no Pazo de Xelmírez (Foto: Xunta da Galiza).

O actual presidente da Galiza, Alfonso Rueda, pronunciou este domingo o seu discurso de Fin de Ano. “Nun mes de Nadal coma este, neste mesmo salón do Pazo de Xelmírez, reuniuse por primeira vez o Parlamento da Galiza”, comezou na súa intervención.

Rueda iniciou o seu discurso cunha defensa da autonomía galega: “Todo o que hoxe somos, non nos veu regalado, logrouse grazas ao compromiso de moitas galegas e galegos, cada quen desde o seu ámbito e desde as súas posibilidades, e cómpre defendelo cada día”.

O presidente quixo tender lazos de concordia ante as vindeiras eleccións galegas do 18 de febreiro. “Neste 2024, a Galiza escollerá en liberdade e con plena autonomía o seus camiño para os próximos anos. Confío en que o debate sexa sempre construtivo, e que non se engada ruído ao día a día das galegas e galegos”, afirmou.

“Aínda que noutros lugares pareza algo excepcional, a política na Galiza non ten por que ser unha fonte de novos conflitos, senón que debería exercerse sempre como ferramenta para atopar solucións”, apostilou o candidato popular a revalidar a Presidencia da Xunta da Galiza.

Rueda mostrouse orgulloso da Galiza presente. “Mais non podemos esquecer que aínda nos queda moito por facer. Temos que persistir no camiño destes anos para mellorar a sanidade pública, incorporar nova tecnoloxía e reducir os tempos de espera”, recoñeceu o presidente sobre as eivas sanitarias.

“Moi especialmente, creo que a Galiza é capaz de ofrecer moitas máis oportunidades á xente nova: novas opcións para formarse, unha vivenda accesíbel e postos de traballo que lles permitan emanciparse e formar un fogar cando o desexen”, engadiu o líder dos populares.

“Confío en que 2024 traia certezas ás persoas que neste ano padeceron os rigores da situación económica, tanto nos seus fogares como nos seus negocios”, dixo. “Envío tamén un agarimoso saúdo á xente que traballa no Nadal para que todo siga funcionando”, engadiu.

Neste Pazo de Xelmírez, a autonomía galega deu os seus primeiros pasos. Agora, continúa madurando, avanzando e prosperando grazas ao conxunto das galegas e galegos. Tamén grazas a ti. Feliz 2024 para todos, e que este sexa un grande ano para a Galiza”, concluíu.

Comentarios