O PSdeG denuncia a situación de Atención Primaria

Formoso reclámalle a Feixoo rematar cos “recortes” sanitarios

Unha delegación da Executiva socialista, encabezada polo secretario xeral do partido, Valentín González Formoso, mantivo nesta xornada de sábado unha xuntanza con representantes de diversos colectivos sanitarios da Galiza

VGF sanidade 290122 01
photo_camera Valentín González Formoso durante a xuntanza con representantes de colectivos sanitarios. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG alertou da situación dos centros de Atención Primaria da Galiza, acusou ao Executivo galego de non cubrir as baixas de persoal e dunha redución de recursos, que “provocou por primeira vez listas de espera “inasumíbeis” mesmo para recadar a diagnose médica en Atención Primaria”.

Formoso denunciou a grave falla de persoal no sistema sanitario, que “está a pagar a cicatería dos gobernos do PP para incorporar talento médico no sistema”, tanto na redución das taxas de reposición de persoal ao máximo como na negativa a incorporar os MIR habilitados polo Goberno do Estado.

O dirixente socialista cargou contra o Executivo de Raxoi “por reducir a taxa de reposición a 10%” e as políticas de Feixoo por deixar de “de contratar 150 especialistas que tiña permitidos nas últimas dúas convocatorias”

O secretario xeral do PSdeG esixiulle a Feixoo que “saia da situación excepcional e comece a planificar”. Neste sentido, demandoulle  medidas para aliviar a situación provocada pola pandemia, máis alá de “fiar todo á carta da atención telefónica”, que está a xerar tensións na atención sanitaria.

O líder dos socialistas galegos reivindicou a mellora de condicións laborais dos profesionais sanitarios como vía imprescindíbel  para mellorar a calidade do sistema, que precisa de “con cadros de persoal motivados”

Comentarios