Formoso reclama un plan de investimentos para o rural

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, propuxo este domingo a posta en marcha dun Plan de Reequilibrio de Investimentos cara o rural galego.

Formoso Palas 151023 1
photo_camera Valentín González Formoso acompañado de Ana Corredoira e de José Tomé nunha visita a Palas de Rei. (Foto: Nós Diario).

O Dia Internacional das Mulleres Rurais serviu para que o secretario xeral do PSdeG reclamase un plan de apoio ao rural  “dotado con recursos e non só con promesas baleiras e propaganda”, que garanta a igualdade de oportunidades para as mulleres.

O dirixente socialista lembrou que as mulleres representan 24% dos traballadores autónomos e emprendedores do rural e cualificou o seu traballo de “esencial” para acadar a “soberanía alimentaria” ante a carestía dos prezos dos alimentos.

Perda de servizos

Formoso esixiu á Xunta “que as escolas non fechen”, que se promova activamente o emprego e “que haxa boas conexións”, polo que urxe a “volva o transporte público ao mundo rural”.

O máximo responsábel orgánico do PSdeG lamentou a falla de conexión ultrarrápida a internet que sofren máis de 300.000 fogares do rural galego que “lastra a súa competitividade, lastran as súas posibilidades familiares e ademais é un símbolo de discriminación”.

O secretario xeral dos socialistas galegos denunciou que nos últimos 15 anos o rural perdeu 108.000 persoas. Neste liña, asegurou que “se queremos que a xente nova se quede no rural ten que ter uns servizos mínimos, en educación, en saúde pública e emprego”.

Primarias

Formoso asegurou que o candidato que saia das primarias do PSdeG porá en marcha un proxecto para solucionar os “moitos deberes por diante” que ten Galiza.

O dirixente socialista aseverou que o país “precisa unha inxección de moral, que debe aspirar a ser punta de lanza” e para iso “necesita reter talento en todos os seus eidos, especialmente na ciencia e no rural”.

Comentarios