Inicio do curso escolar

O PSdeG responsabiliza a Xunta do feche de 116 colexios desde 2008

Formoso denuncia os recortes en educación do Partido Popular.
Valentín González Formoso, ante os medios. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, ante os medios. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, denunciou esta segunda feira, na xornada de inicio do curso escolar, os recortes no ensino público por parte do Goberno galego e reivindicou que se recuperen os libros de texto gratuítos, un compromiso que situou como "obxectivo" da formación socialista de cara ás próximas eleccións galegas e unha posíbel vitoria por parte deste partido.

"Temos 116 colexios menos na Galiza que en 2008, este ano dous menos que en 2022; con 1.800 alumnas e alumnos menos", sinalou e engadiu que o curso comeza con "69 unidades educativas menos e ao redor de 90 profesores menos que no curso pasado".

"Sen renovación"

Para González Formoso, estes datos demostran que existe "un problema demográfico enorme" no país. Mais tamén que "non hai renovación na educación e isto supón que haberá loxicamente problemas de sustentabilidade de todos os servizos públicos no futuro", sinalou.

Ao mesmo tempo, criticou o feito de que as familias "teñan que afrontar ao comezo do curso 420 euros de carga económica". "É un problema que non debería estar a ocorrer", recalcou. Neste sentido, o líder socialista dixo que "comprometémonos a que o ano que vén, unha vez que esteamos no Goberno da Galiza, se recupere esta medida que é unha aposta clara pola educación pública", afirmou.

Na mesma liña, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG Begoña Rodríguez, afirmou esta segunda feira que o "constante fechamento de unidades" provoca aulas "cada vez máis masificadas", como consecuencia de falta dunha "aposta real pola educación pública".

Comentarios