Formoso confirma que deixará a dirección do PSdeG e confía en Besteiro para "dotar de estabilidade" o partido

O secretario xeral dos socialistas galegos atribúe o resultado electoral á "polarización política e mediática brutal" que viraba en torno ao BNG e ao PP, "obviando o resto dos candidatos".
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, confirmou esta terza feira que deixará a dirección do partido no próximo congreso dos socialistas. Así o destacou ao ser preguntado polos xornalistas nun acto celebrado en Oleiros (comarca da Coruña), onde sinalou que o seu "papel" na dirección finaliza "cando finalice o congreso".

Formoso dixo que se centrará no seu traballo como presidente da Deputación da Coruña e como alcalde das Pontes, e aproveitou para volver mostrar o seu apoio ao candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, para que "dote de estabilidade" o partido e obteña un "magnífico resultado" dentro de catro anos.

O xefe de filas dos socialistas galegos xa avanzara a pasada cuarta feira, tras a reunión da executiva do PSdeG na que a formación analizou os resultados dos comicios galegos, que o partido afrontaría "cambios orgánicos" desde a "tranquilidade" e que o futuro pasaba por Besteiro. Todo iso despois de que nas eleccións ao Parlamento galego do pasado 18 de febreiro os socialistas lograsen só 9 deputados, cinco menos que en 2020, no que supón o seu peor resultado histórico.

Comité nacional

Así as cousas, o PSdeG reunirá este sábado o seu comité nacional, o máximo órgano de decisión entre congresos, para facer unha reflexión sobre o resultado electoral e o futuro do partido. Queda por ver se a formación decide finalmente adiantar a data para do congreso no que se renovará a dirección e que, segundo os prazos previstos nos seus estatutos, debería decorrer a finais de 2025.

Por último, na súa intervención, atribuíu o resultado electoral á "polarización política e mediática brutal" que viraba en torno ao BNG e ao PP, "obviando o resto dos candidatos". Nun contexto, ademais, no que Besteiro só tivo "un mes e medio" para darse a coñecer, fronte a unha Ana Pontón que "leva oito anos como candidata" e a un Rueda que estivo "dous anos de presidente e 14 de vicepresidente".

Ademais, aproveitou para rexeitar que o 18-F supuxese un "plebiscito" sobre o líder do PP no Estado, Alberto Núñez Feixoo, como, na súa opinión, expuña o PP, nin que signifique que "o 31% da cidadanía galega" sexa "soberanista" como, ao seu xuízo, "reflexiona o BNG".

"Para nós a reflexión está clara", sostivo, para sinalar que pasa por "recuperar ao partido", "darlle estabilidade" e "apostar polo candidato" para que "teña tempo para que o coñeza Galiza" e para "inmiscirse en todos aqueles asuntos que son importantes para a cidadanía galega". Deste modo, mostrouse convencido de que "o resultado será moi distinto" en 2028.

Comentarios