Caballero volve ofrecer "unidade e integración" a "todo" o PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu ofrecer esta sexta feira "unidade e integración" a "todo" o partido de cara ao proceso interno no que reelixirán a súa dirección e para o que el xa anunciou a súa candidatura.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Europa Press) #gonzalocaballero #psdeg #psoe
photo_camera Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Europa Press)

"Todos somos necesarios, todos xuntos somos imparábeis e o meu reto é traballar mirando para os galegos e non mirando para o espello do partido", manifestou nunha rolda de prensa na que incidiu en que "a unidade e a integración representan unha fortaleza" para poder estar "centrados" na reactivación.

Dito isto, rexeitou entrar en "hipótese" sobre a posibilidade de que poidan presentarse máis candidaturas nun contexto no que voces socialistas apuntan á posibilidade de que o secretario xeral do PSOE coruñés e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, poida dar un paso adiante nos próximos días e competir no proceso interno por facerse co control do partido.

"Eu teño que ser respectuoso cos procesos", afirmou Caballero, que lembrou que na tarde desta sexta feira o Comité Nacional do PSdeG abordará a convocatoria do Congreso do Partido para que decorra en decembro. "A partir de aí iranse cumprindo todos os procesos dunha organización que ten democracia e que ten un procedemento interno", apuntou.

Despois de avogar por esperar a ver como evoluciona o proceso, destacou que el mesmo coñece ben a organización e as primarias. "Fai catro anos gañei as primarias co apoio da militancia, e quero seguir traballando ao carón da militancia e de todo o PSdeG para fortalecer unha resposta progresista, de esquerdas, feminista e galeguista ante esta crise".

"Con unidade e lealdade o PSdeG terá toda a capacidade de volver conseguir resultados históricos nas eleccións xerais e municipais do 2023, que é o próximo reto electoral. Dedícome a iso, a traballar polos galegos pensando nun PSdeG forte e útil para a Galiza", finalizou.

Arangüena evita pronunciarse sobre González Formoso

Pola súa banda, noutra rolda de prensa decorrida na Coruña, o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, eludiu pronunciarse sobre a posibilidade de que o tamén presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, se presente para liderar o partido.

"Non vou falar por agora dun candidato en concreto", dixo Arangüena, que apelou a "respectar os prazos do procedemento". "Hai que decidir o calendario de todo ese proceso orgánico".

"E a partir de aí calquera militante se pode presentar", expuxo tamén en relación ao número de avais e dos que asegurou que facilitan a presentación de candidaturas. "Abrirase un proceso de primarias, de debate, de ideas", engadiu en relación ao proceso.

Comentarios