Análise

Quiroga bota gasolina ao congreso do PSdeG

A tensión interna no seo do socialismo galego sae á luz de cara ao cónclave do partido. A última palabra estará en Ferraz.
José Antonio Quiroga valorando os resultados electorais das eleccións galegas de xullo de 2020. (Foto: Europa Press) #psdeg #congreso #formoso #besteiro #miñones #quiroga #caballero
photo_camera José Antonio Quiroga valorando os resultados electorais das eleccións galegas de xullo de 2020. (Foto: Europa Press)

Sabíase que ía ser un proceso congresual marcado pola tensión interna mais non se imaxinaba un debate nos termos dos últimos días. Se nas pasadas semanas os dirixentes socialistas galegos consultados se gababan da corrección do debate e da madurez á hora de enfrontar unha situación política complexa, as opinións vertidas nun artigo de prensa, na pasada terza feira, polo secretario de Organización da formación, José Antonio Quiroga, sobre unha alternativa á Secretaría Xeral do PSdeG liderada por Valentín Formoso e José Ramón Besteiro, sitúan o conclave socialista nun novo escenario e fechan a porta a un acordo entre as diferentes familias do partido. A última palabra tena a dirección estatal socialista de Ferraz.

José Antonio Quiroga pasa por ser o home forte do aparato socialista na Galiza. Antigo concelleiro no Saviñao e parlamentario no Hórreo, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, secretario de Organización do PSdeG e persoa de máxima confianza de Gonzalo Caballero, as súas críticas a Besteiro e Formoso representan un antes e un despois no proceso congresual do partido.

A este respecto, Quiroga cualificou a proposta de Formoso e Besteiro de “retorno ao pasado con arrecendo a baronías rancias” e “rede que xa controlou o PSdeG e que nada positivo trouxo” e situou baixo sospeita a relación entre ambos, “que seguiron colaborando entre eles doutra forma nestes anos”. 

A reacción de Miñones

As declaracións de Quiroga non tardaron en ser respondidas por significados dirixentes socialistas, mais recibiron o apoio do círculo de Caballero. Así, o delegado do Goberno na Galiza e persoa de confianza de Pedro Sánchez, José Miñones, referiuse nas súas redes sociais ás “desafortunadas palabras para un secretario de Organización”. Unha crítica partillada por outros cadros socialistas, como a secretaria xeral do partido en Lugo, Patricia Otero, o europarlamentario socialista Nicolás González, a dirixente ourensá Noela Blanco ou o secretario xeral de Infraestruturas, o lugués Sergio Vázquez Torrón.

Pola súa banda, fontes da dirección socialista afirman que “as declaracións non recollen mentiras nin descualificacións” e que “Quiroga conta con todo o apoio de Caballero”.

As palabras do secretario de Organización dos socialistas galegos non gustaron na dirección estatal do partido. Fontes de Ferraz consideran as valoracións de Quiroga “impropias dunha persoa á que, pola súa responsabilidade política, lle toca exercer de árbitro no proceso congresual” e criticaron que procederan “dun membro do Goberno de Pedro Sánchez”, pola súa condición de presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Na mesma liña, desde o sector crítico con Caballero sinalaron que “non é casual que Quiroga se manifeste neste momento, tras fallar Ferraz contra as alegacións da dirección galega que pretendían vetar a entrada no partido a 120 socialistas das Pontes e cando resulta evidente que Madrid ten decidido promover un relevo formación na Galiza”.

Caballero deberá competir no vindeiro conclave socialista, o único congreso territorial da formación que aínda non ten data, cunha candidatura alternativa. Malia que desde o núcleo máis próximo ao actual secretario xeral do PSdeG trasladan dúbidas sobre esa posibilidade, os sectores críticos do partido dana por feita. A este respecto, como xa adiantou no seu momento Nós Diario, a alianza entre Formoso e Besteiro é chave para articular unha maioría alternativa a Caballero e iso preocupa a Quiroga.

Comentarios