Caballero ve “moito mellor” o PSdeG que cando chegou

O proceso congresual permanece no foco.
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Europa Press) #gonzalocaballero #psdeg #psoe
photo_camera Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, aproveitou a súa tradicional rolda de prensa da segunda feira no Parlamento da Galiza para analizar a situación interna da súa formación. Interpelado polos xornalistas sobre o proceso congresual do seu partido, Caballero afirmou sentirse “moi apoiado” pola afiliación, apostou polo feito de que sexa esta quen decida o futuro da organización e expresou o seu convencemento de que o PSdeG “está moito mellor” que cando chegou á Secretaría Xeral en outubro de 2017.

Caballero avaliou a súa etapa á fronte do PSdeG e apostou pola “integración” e a “unidade” para facer fronte aos retos máis inmediatos do partido.

Así, destacou que “os mellores” resultados dos socialistas galegas nunhas eleccións estatais correspondéronse co seu liderado e destaco os avances da organización nestes últimos catro anos. Nesta liña, chamou a centrar o traballo na preparación dos comicios locais e estatais de 2023 e lembrou o importante peso municipal dos socialistas, presentes nos Gobernos de seis das sete cidades e en tres das catro deputacións. 

Un partido “útil”

“Somos un partido útil para a Galiza, que conseguimos os mellores resultados da historia hai dous anos e que temos que remar xuntos para ir cara a 2023”, recalcou Caballero, quen manifestou o seu compromiso de “seguir remando” e “non  alimentar polémicas”.

Precisamente, estas declaracións viñeron precedidas dun artigo de prensa do secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, onde atacou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o anterior secretario xeral da formación, José Ramón Gómez Besteiro.

O máximo responsábel dos socialistas galegos quixo sacar importancia á decisión da dirección estatal do partido de paralizar o adianto das primarias promovidas desde o círculo de Caballero. A este respecto, destacou a “relación fluída” entre o seu equipo e o de Pedro Sánchez, afirmou que “todos os secretarios xerais estamos plenamente apoiados por Ferraz e defendeu “dar voz e voto” á afiliación, “que decidirá o futuro da organización”.

Neste sentido, destacou que “a miña principal lealdade debe ser traballar por Galiza e os galegos.

Comentarios