O PSdeG, ás portas do congreso máis decisivo dos últimos anos

O congreso do PSdeG será entre mediados de outubro e antes do Nadal, unha cita decisiva para o partido e para a continuidade ou non de Gonzalo Caballero. No PSdeG pesa aínda o resultado das eleccións galegas (xullo 2020) en que ficaron por detrás do BNG, xusto nun momento de ascenso do PSOE e xusto despois de o propio PSdeG facer historia ao superar en votos o PP nunhas eleccións estatais (abril de 2019). As próximas eleccións municipais, as galegas e os nomes de Besteiro e Miñones poden alterar a continuidade do liderado de Caballero.

O presidente do Gobierno español e líder do PSOE, Pedro Sánchez, xunto ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente do Goberno español e líder do PSOE, Pedro Sánchez, xunto ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Foto: Nós Diario)

As e os socialistas galegos realizarán o seu congreso entre o próximo 15 de outubro, xornada en que Valencia acollerá o conclave federal do PSOE, e 19 de decembro. O calendario saíu este sábado, 3 de xullo, do Comité Federal do PSOE, encabezado polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e que contou coa participación do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

En declaracións aos medios após o comité, o xefe de filas do PSdeG reivindicou a xestión do Executivo estatal que preside Sánchez do proceso de vacinación e apuntou á reactivación económica e social como novos retos no horizonte.

Para Caballero, a inmunización da sociedade contra a Covid-19 está a resultar un "éxito" a pesar "dos agoreiros e desconfiados". "Feixoo dicía que non habería vacinas até o segundo trimestre deste ano e o nacionalismo galego receitaba vacinas rusas, chinesas ou cubanas, mais o Goberno de España apostou pola ciencia e hoxe 60% das galegas e galegos temos cando menos unha dose da vacina", resaltou.

Así, apelou a encarar o futuro "con ilusión e esperanza" para deixar atrás a crise sanitaria e afrontar "a reactivación económica, social e cultural" con medidas que se adopten "en beneficio das persoas" outorgando "prioridade" ás mulleres e á xente nova.

Neste sentido, sinalou a presentación na Cámara galega, dentro da comisión de Recuperación económica, social e cultural da Galiza, dun “plan de emprego xuvenil co que dar oportunidades laborais a 3.000 mozas e mozos da Galiza neste ano", mais que "foi rexeitado polo PP". Apelou ademais a "seguir avanzando" cun proxecto do PSdeG que estea "ao servizo das e dos galegos", a través da articulación "dun proxecto galeguista e federalista, de esquerdas, feminista e ecoloxista".

Aliás, Caballero defendeu que, desde a súa chegada á Secretaría Xeral do partido, a formación socialista logrou "avanzar en apoio en todas as eleccións" alcanzando "resultados históricos" nas urnas.

"Agora necesitamos construír un novo tempo político para apostar por un futuro de progreso, ilusión e esperanza baixo as siglas do PSdeG", aseverou antes de apelar á “unidade e lealdade” de todo o partido ante os retos da reactivación.

Besteiro e Miñones, nomes con peso

Con todo, o certo é que o PSdeG ocupa actualmente a terceira posición no Parlamento galego após de nos comicios de hai case un ano non ser capaz de aproveitar electoralmente o vento favorábel que as enquisas outorgaban naquela altura, e aínda hoxe, ao PSOE de Pedro Sánchez no Goberno español.

O relevo este ano na Delegación do Goberno español na Galiza na persoa de José Miñones, colocou ao até entón alcalde socialista de Ames como un nome de relevancia para dar un novo impulso ao PSdeG e sonou na crónica política como un posíbel relevo desde Ferraz ao liderado de Caballero, a quen moitos cuestionan desde o resultado das eleccións galegas.

Aliás, a recente decisión da Audiencia de Lugo de arquivar a coñecida "Operación Pulpo", a última causa aberta contra José Ramón Gómez Besteiro, non só despexa a situación procesual deste antigo secretario xeral do PSdeG, senón que introduce novas variábeis no proceso congresual dos socialistas galegos.

A falla dunha data exacta para a realización do conclave, as fontes socialistas consultadas por Nós Diario dan por feito que Besteiro está chamado a xogar un papel destacado no futuro inmediato da formación na Galiza.

Comentarios