González Formoso competirá con Gonzalo Caballero para liderar o PSdeG

O actual presidente da Deputación da Coruña formalizará a súa precandidatura esta quinta feira pola mañá, avanzou a Cadea Ser-A Coruña.

Valentín González Formoso, no seu despacho da Deputación da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera Valentín González Formoso, no seu despacho da Deputación da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)

Valentín González Formoso si que se presentará para competir con Gonzalo Caballero pola secretaria xeral do PSdeG. O actual secretario xeral do Partido Socialista provincia e presidente da Deputación da Coruña formalizará a súa  precandidatura esta quinta feira pola mañá, segundo avanza a Cadea Ser-A Coruña.

Xa pola tarde, segundo este mesmo medio, presentará esa candidatura nun acto con militantes na súa agrupación no  concello das Pontes, onde é alcalde desde hai 14 anos.

González Formoso apurará os prazos do calendario marcado pola actual dirección do  PSdeG de cara ao Congreso galego, que finalmente terá lugar a finais de ano.

González Formoso é alcalde das Pontes desde 2007. Licenciado en Dereito está casado e é pai de dous fillos. En xullo de 2015 foi elixido presidente da Deputación provincial da Coruña cargo que revalidou tras as pasadas municipais. É unha persoa próxima ao anterior líder dos socialistas galegos José Ramón Gómez Besteiro.

Fontes do partido consultadas pola Ser aseguran que Formoso estaba pendente do aval de Ferraz para dar o paso fronte a Gonzalo Caballero, que se presenta, con todo, como o  defensor de Pedro Sánchez na Galiza. "A dirección do PSOE en Madrid rexeitou esta fin de semana a denuncia da dirección galega polo aumento do censo de militantes nas Pontes. Rexeitou tamén a petición de Caballero de realizar o congreso galego antes do Federal".

Comentarios