23-X

Formoso contrapón o "Goberno sensíbel" de Sánchez cunha Xunta que "non empregou un céntimo" en paliar a inflación

A cidadanía, dixo, debe "reflexionar" este domingo sobre se quere "un país con solidariedade e xenerosidade ou un onde cada un se salve como poida".
Valentín González Formoso e Xosé Sánchez Bugallo reivindicaron o abono gratuíto de tren aprobado polo Goberno español. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso e Xosé Sánchez Bugallo reivindicaron o abono gratuíto de tren aprobado polo Goberno español. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apelou esta segunda feira á mobilización da cidadanía indecisa de cara á última semana de campaña e avisou de que o que está en xogo nestas eleccións é "ter un goberno sensíbel", que defenda, dixo, as pensións e os dereitos laborais ou impulse as bolsas para estudantes, fronte a un que "ameace todo isto".

Formoso pronunciouse nestes termos antes de realizar o traxecto en tren desde Santiago de Compostela até A Coruña para reivindicar os abonos gratuítos aprobados polo Goberno español para paliar os efectos da inflación. O dirixente socialista estivo acompañado polo cabeza de lista ao Senado nesta circunscrición, o ex alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo, e do secretario provincial dos socialistas, Bernardo Fernández, entre outros.

Para Formoso, esta medida é un exemplo do "Goberno sensíbel" que houbo nos últimos cinco anos en Moncloa, que "empregou os recursos públicos en paliar as dificultades que sufriu a poboación" por mor do aumento desmesurado dos prezos. Nesta liña, puxo en valor as rebaixas dos combustíbeis e as axudas a pescadores, agricultores ou transportistas galegos no peor da pandemia e da crise de prezos, así como a suba das pensións, o salario mínimo ou a rebaixa das facturas da luz a través da excepción ibérica. Medidas que contrapuxo coas dunha Xunta que "non empregou nin un só céntimo" do recadado en axudar á cidadanía fronte á inflación.

Formoso di sobre Zapatero e Sánchez, que visitarán A Coruña e Lugo esta semana, que "dedican a súa vida a que ninguén quede tirado e avanzar socialmente"

Por todo isto, pediu á cidadanía que "reflexione" sobre se quere "un país con solidariedade e xenerosidade ou un onde cada un se salve como poida". Para Formoso están en xogo as pensións públicas, a reforma laboral ou as bolsas de estudo. Por iso, apelou á responsabilidade de "todos e de todas" xa que "vale o mesmo o voto do presidente do Goberno que de calquera cidadán deste país nun contexto no que as enquisas mostran que "está todo aberto".

O secretario xeral do PSdeG referiuse tamén á visita á Galiza prevista para esta semana do ex presidente español José Luís Rodríguez Zapatero, que estará esta terza feira na Coruña, e do actual presidente e candidato socialista, Pedro Sánchez, que prevé visitar Lugo na quinta feira. Formoso destacou que ambos os dous dedican a súa vida a que "ninguén quede tirado" e que o "xogan" todo por "tentar avanzar socialmente". Tamén comparou Sánchez cos "grandes deportistas" que, despois dun gran esforzo e de conseguir un grande éxito, "son deixados de lado pola opinión pública á primeira de cambio".

Por iso, lembrou que "o deu todo nos momentos máis difíciles", impulsando os ERTE para 4 millóns de traballadores ou co estado de alarma e a tramitación das vacinas. Fronte a isto, insistiu en que xa se comprobou que Alberto Núñez Feixoo "non é o moderado que pintaban" na Galiza, senón que é "a dereita máis reaccionaria", dando a primeira orde como presidente do PP de "votar contra penalizar o acoso ás mulleres nas clínicas abortivas" e quen foi capaz de votar "en contra da revalorización das pensións a 770.000 galegos".

No acto, tanto o candidato pola Coruña ao Senado Xosé Sánchez Bugallo como o secretario provincial do PSOE coruñés, Bernardo Fernández, puxeron en valor as "medidas aprobadas polo Executivo estatal que benefician aos galegos", como a gratuidade do transporte ou as bonificacións da AP-9.

Comentarios